luns 18/10/21
Portavoz naconal do BNG

Ana Pontón: "O nacionalismo é a alternativa á 'Galiza bonsai', de país limitado, do PP"

Ana Pontón (Sarria, 1977) atende Nós Diario no Parlamento antes de media mañá. Percíbese a axenda completa, a longa lista de tarefas e compromisos que ten por diante antes da fin do día. Vacacións? Sorrí: "Nunca desconectamos ao 100%". Mais, confesa, darase unha pequena tregua para gozar con amizades e familia e desfrutar da Costa da Morte.
19-07-2021 Ana Pontón
(Foto: Arxina)

Que se fixo mal para que a estas alturas esteamos en plena quinta vaga? 

Expertos e autoridades sanitarias advertían que podiamos estar así. A vacina funciona e o que hai que pedir é que se acelere a campaña de vacinación.

A xente nova está a pagar a crise dunha dobre maneira: o nivel de contaxios neses tramos de idade é agora máis alto e, por outro lado, esta pandemia é unha crise que van pagar precisamente a xeración que agora ten que agardar pola vacina.

Creo que na xestión desta pandemia os Gobernos galego e español non foron quen de se anticipar, puxeron por diante da vida a economía e iso tivo consecuencias nefastas. Outros países, como Australia ou Nova Zelandia, tiveron claro que o principal era salvar vidas e, ademais, tamén tiveron mellores resultados no económico.

"A incapacidade de Feixoo para defender Galiza non deixa de abraiarme"

A Galiza que saia desta pandemia vai ser mellor?

É difícil de predicir, claro (ri). O que é evidente é que esta pandemia déixanos leccións sobre a capacidade que ten o pobo galego para facer fronte a situacións moi difíciles. Demostrou unha capacidade de resiliencia e de sacrificio polo ben común que hai que poñer en valor. 

Quen demostrou non aprender a lección é o Goberno Feixoo, estamos a velo agora: en plena crise sanitaria suspenden operacións, féchanse camas, non se reforza un sistema sanitario que está extenuado... 

Hai un ano desde o BNG instábase a Feixoo, ante a magnitude da pandemia, a que sumase voces e esforzos para unha comisión de reconstrución que deseñase unha saída á crise. Ao final houbo unha comisión e tanto BNG como PSdeG votaron en contra das conclusións. 

O PP viuse forzado a crear esa comisión, nunca tivo confianza nin intención de que de aí saíse un gran acordo de país para afrontar a crise. Se lemos o ditame que presenta o PP vemos que é un cúmulo de vaguidades e lugares comúns, é unha especia de ‘onda’ ao Goberno galego no que lle di que siga como até agora, que todo vai perfecto.  É preocupante que o PP non aprenda as leccións desta crise. Hai que reforzar o sistema sanitario público e non afogalo como leva facendo unha década. Pero se temos unha Atención Primaria onde hai lista de espera.. para ter cita!

Outra lección é a importancia de producir aquí. Os Fondos Next Generation poden acabar sendo un grande fracaso en vez dunha oportunidade, poden acabar nos petos de multinacionais en vez de no tecido produtivo galego. 

Mudamos de inquilinos na Moncloa mais as políticas para Galiza non mudan

A incapacidade de Núñez Feixoo para defender os intereses de Galiza non deixa de abraiarme. Vimos de ver un Congreso do PPdeG onde o señor Feixoo deixou claro que a súa preocupación é que o PP chegue á Moncloa, non Galiza. A estratexia de Feixoo é suicida para Galiza: pona aos pés dos intereses de Pablo Casado. 

Hai un ano da vitoria de Feixoo nas eleccións galegas...

E non temos Goberno. Se analizamos este ano, é un Goberno de oposición: de oposición ao BNG, de oposición a Pedro Sánchez... Eu non vexo este Executivo preparándose para os retos importantes que temos por diante, para a crise social e económica, para a crise climática e enerxética... Non son quen nin de reclamar as competencias que nos faltan! É un Goberno que só ten tona, semella que non hai nada dentro.

Que sentiu ao coñecer a sentenza da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga a Ence?

Pois reconcilioume coa xustiza, despois de todo este tempo de sentenzas difíciles de entender desde unha óptica democrática. É unha sentenza que dá a razón ao que leva tempo defendendo non só o BNG e o Concello de Pontevedra, senón miles de cidadáns pontevedreses e galegos. É unha grande nova para Pontevedra e para Galiza, pon o interese xeral por riba dos intereses dunha empresa e tamén visibiliza a corrupción entre PP e Ence pois non só esa prórroga era inmoral senón tamén ilegal.

As rebaixas da Ap-9...

É un exemplo magnífico de que precisamos ter máis forza en Madrid. Cun só deputado logramos pór sobre a mesa unha cuestión tan importante como esta mais vemos que precisamos ter máis forza en Madrid para que Pedro Sánchez cumpra con Galiza porque a discriminación semella que está no ADN das forzas estatais. Mudamos de inquilinos na Moncloa mais as políticas para Galiza non mudan, e o factor que pode supoñer un cambio é que o BNG teña forza.

Ás portas do Día da Patria, que mensaxe quer transmitir o nacionalismo galego á sociedade galega?

De confianza e de orgullo de país e en nós propios. Galiza está limitada por esa 'concepción bonsai' que o PP ten do país. unha Galiza minguada, reducida; e nós queremos o contrario, estar no mundo, querer decidir. O nacionalismo é a alternativa a esa 'Galiza bonsai'.

O nacionalismo ten unha posición importante, os galegos confiáronnos liderar a oposición e iso sitúanos en posto de saída para poder ter a presidencia da Xunta en 3 anos. É un reto e unha responsabilidade que hai que afrontar con intelixencia e ilusión.

comentarios