Entrevista

Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova: "Queremos ser o altofalante do BNG para a mocidade"

Marta Gómez (Pontevedra, 1997) vén de ser reelixida como secretaria xeral de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG. A formación afronta un novo período coa precariedade laboral e o problema da vivenda no albo da súa axenda, e co reto de acompañar o BNG no camiño á presidencia da Xunta da Galiza.
Marta Gómez Martín, secretaria xeral de Galiza Nova. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Gómez Martín, secretaria xeral de Galiza Nova. (Foto: Nós Diario)

—Acaba de ser reelixida como secretaria xeral da súa formación con 90% dos votos da Asemblea Nacional. Como afronta este novo período?
Comezo este novo período, en primeiro lugar, moi agradecida á militancia por ter confiado de novo en min e á Dirección saínte, tamén polo mesmo. Moi orgullosa e con moitas ganas de afrontar todos os retos que temos por diante como mocidade e que ten por diante o nacionalismo nos próximos meses. 

—Cales son eses problemas que afectan a mocidade galega na actualidade?
Este sistema que, como dicía na clausura da nosa Asemblea Nacional, oprímenos, fórzanos á emigración, ao traballo precario, a non ter unha vivenda, a non poder independizarnos. Cómpre seguir loitando contra todas esas trabas que se nos poñen por diante co fin de ter unha vida digna e de poder garantir eses dereitos que se lles son negados ás mozas e aos mozos da Galiza. 

—Na Asemblea Nacional fixaron tamén as liñas de traballo dos dous próximos anos. En que porá o foco a organización xuvenil do BNG?
Nesas liñas que comentaba: nos vindeiros meses, seguir reivindicando os dereitos que como mocidade galega merecemos e no máis inmediato lograr o obxectivo que ten o BNG de liderar o Goberno da Xunta da Galiza. 

—Precisamente, que papel debe xogar Galiza Nova nas próximas eleccións galegas?
Hai moitas mozas e mozos que votarán por primeira vez nestas eleccións. Eu creo que Galiza Nova pode ser o altofalante que faga chegar o discurso do BNG, e tamén de Galiza Nova, a toda esa mocidade. Queremos ser a panca e a vía de entrada que faga que todos eses votos se decanten cara ao nacionalismo. 

—A organización que lidera ten defendido historicamente a rebaixa da idade legal para votar aos 16 anos.
É o máis lóxico tendo en conta a cantidade de cousas que se poden facer legalmente con 16 anos. Con 16 xa tes idade legal para traballar, para decidir libremente abortar, para entrar no cárcere... Non ten ningún sentido que esa idade non sexa tamén legal para votar. Con todas as "decisións de adulto" que podes facer con 16 anos, non pode ser que non poidas decidir o teu futuro co teu voto. Eu creo, e desde Galiza Nova así o entendemos, que esta é unha anomalía democrática. 

—Considera importante o feito de que a mocidade galega participe en política?
Por suposto que o considero importante porque, ao final, participar en política son moitas cousas pero a política é o que decide o futuro, xa sexa do mundo, do noso país ou da nosa sociedade. E quen vai estar vivindo nese futuro son as mozas e os mozos de hoxe. Que comecemos a participar agora en política, a formar parte dos debates, a dar a nosa opinión e a propulsar segundo que posicións, leis ou cambios é para mellorar a vida dos que veñen pero tamén a nosa propia vida no futuro. 

—Que valoración fan do movemento xuvenil nacionalista?
Nós analizamos que estamos indo no camiño correcto. Esta foi a conclusión principal á que chegamos após o debate da Asemblea Nacional. Concluímos que Galiza Nova está indo no bo camiño para afianzarse como a organización xuvenil de referencia que aspira a ser. Somos máis dos que éramos hai dous anos, temos máis capacidade e máis incidencia. Pero precisamos seguir sumando mocidade a este proxecto, e este é outro dos retos que afrontamos.


Organizarse fronte ao individualismo

Unha sociedade cada vez máis individualista. Este é outro dos retos aos que ten que facer fronte a mocidade galega organizada. "Moitas mozas e mozos están realmente comprometidas co país e cunha causa nacionalista, ou cos movementos máis sociais, pero tal e como se orienta a sociedade cara ao individualismo é moi complicado conseguir esa mobilización", afirma Marta Gómez a Nós Diario.

"É certo que existe unha desmobilización pero temos que seguir tensionando a mocidade para conseguir que volva saír ás rúas reivindicar os seus dereitos", engade, recoñecendo que esta é unha tarefa complexa, mais non imposíbel. "Xa o fixemos no período anterior, por exemplo na manifestación convocada polo BNG contra a subida de prezos. Alí viuse a forza da mocidade galega que quere unha vida mellor", sentencia Gómez.

Comentarios