Mariano Rajoy limita a súa intervención sobre o caso Bárcenas a 7,5 minutos

O presidente español comparecerá no Congreso para dar explicacións sobre os sobresoldos pagados por Bárcenas, porén, limitou o tempo das súas respostas a través da escolla dunha sesión de control ao goberno en troca dunha sesión plenaria extraordinaria.
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

O presidente do goberno español comparecerá nunha sesión de control ao goberno o vindeiro día 30 de xaneiro. As súas intervencións no Congreso d@s deputad@s para someterse ás preguntas formuladas desde as bancadas da oposición poderían contarse cos dedos dunha man. Neste senso, desde a súa chegada á Moncloa --en novembro de 2011-- Rajoy negouse a convocar unha sesión de debate sobre o estado da nación argüíndo que ningún goberno tiña convocado antes de cumprir o seu primeiro ano de mandato, nin sequera aquel que se atopa inmerso na peor situación económica dos últimos tempos.

O voceiro popular no Senado, Alfonso Alonso, gabábase esta terza feira de que a convocatoria da devandita sesión daba boa conta da "rápida reacción" do Goberno español perante o escándalo do caso Bárcenas e dos supostos pagamentos en negro a dirixentes do Partido. Neste senso, Alonso quixo deixar ver que o Partido Popular se amosa predisposto a aclarar todas aquelas cuestións àchegadas polas forzas da oposición malia que o tempo estimado de intervención veña inicialmente condicionado aos intereses do líder do executivo.

Cristóbal Montoro dará conta dos beneficios obtidos por Bárcenas coa amnistía fiscal
Entre a complexidade do caso que salfire ás filas do Partido Popular, o executivo español non fica exento de polémica. Segundo informaron varios medios de comunicación, o ex-tesoureiro e senador popular teríase beneficiado da amnistía fiscal aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2012. Neste senso, Bárcenas tería branqueado 10 millóns de euros procedentes de Suíza a través do instrumento creado polos seus compañeiros de filas.

Porén, o Ministerio de Facenda emitiu un comunicado público, após coñecerse a nova, asegurando que Luís Bárcenas non fora un dos beneficiarios da devandita amnistía. Cando menos non de maneira directa pois o máis probábel é que o ex-senador empregara unha figura xurídica --sociedade-- a través da que levar a cabo o branqueo. Esta cuestión, deberá ser explicada polo ministro Cristóbal Montoro esta cuarta feira (23 de xaneiro) na Comisión que terá lugar no Parlamento español.

Comentarios