En Marea quer como interlocutor a dirección estatal de Podemos

As negociacións entre as marés e a de Podemos-Galiza sobre a 'confluencia' non avanzan e o tempo corre en contra.

marea constituinte vigo foto @DanielCuestaGz
photo_camera Marea constituinte vigo foto @DanielCuestaGz

A primeira negociación entre as delegacións de En Marea e Podemos Galiza non serviu para achegar posturas en torno a con que 'confluencia' concorrer ás eleccións galegas. As posturas mantéñense distantes e sen albiscar un posíbel punto de encontro: En Marea quer que Podemos se integre no partido instrumental e o partido morado di que esa é a liña vermella que non vai traspasar. Que ambas as dúas forzas, En Marea e Podemos Galiza, acaben indo por separado á cita coas urnas do 25 de setembro é un escenario posíbel. Máxime tendo en conta que os tempos corren en contra: o 12 de agosto finaliza o prazo para rexistrar coligazóns.

En Marea e Podemos emprazáronse a seguir negociando. En Marea quere como interlocutor a dirección estatal de Podemos. Foi no Consello de Coordinación estatal do partido de Pablo Iglesias onde se aprobou a resolución que recollía un claro non a se integrar nun partido instrumental, a fórmula que a asemblea de Vigo do pasado 30 de xuño aprobou para En Marea. Por iso queren 'desbloquear' a situación nese nivel. Mais tampouco é descoñecida a gran sintonía que xente como o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ou o deputado de Podemos Gómez Reino (defende a integración en En Marea) teñen con Pablo Iglesias.

Os deputados de Podemos no Congreso por En Marea, Gómez Reino, Tone, e Ángela Rodríguez, Pam, son partidarios de que Podemos Galiza pase a se integrar en En Marea. A eles mandou unha mensaxe a secretaria xeral, Carmen Santos, ao dicir que “ningunha voz debe de estar por riba da democracia interna e do que dixo a asemblea”.

Mentres, continúan os respectivos procesos de primarias, uns procesos que, até o de agora, evidencian que uns e outros van por 'libre' en canto a prazos e candidatos, e sen que se vexa como poden 'confluír' ambos os dous. 

Comentarios