En Marea desenvolve a súa asemblea xeral co conflito aberto sobre a fórmula de concorrencia ás xerais

Trátase do primeiro conclave após a súa constitución co gallo das eleccións do 20 de decembro. 

En Marea(2)
photo_camera [Imaxe En Marea]

En Marea convoca a súa primeira Asemblea Xeral este domingo. A data coincide co quinto aniversario do movemento 15-M  e terá lugar no Auditorio de Galiza en Compostela a partir das 10.30 horas. Segundo informou a organización através das redes sociais até o momento hai máis de 700 persoas inscritas que farán parte das palestras e grupos de traballo nos que se estruturará a xornada. 

No conclave participará Carolina Bescansa que estes días está na Galiza

O día comezará coa intervención de Xosé Manuel Beiras (Anova), Carolina Bescansa (Podemos) e Eva Solla (Esquerda Unida) a falar arredor dunha mesa intitulada 'A suma que multiplica'. Con posterioridade conformaranse grupos de traballo que abordarán o "funcionamento democrático e a toma de decisións" no seo da coligazón, as "mareas e organización territorial", o "papel" de cada un dos axentes que conforman o proxecto, isto é, "persoas, mareas e partidos" xunto coa propia organización dos grupos de traballo no interior da coligazón. 

Asemade, debaterán sobre o proceso de elaboración do programa electoral e de "confluencia" de cara aos comicios do 26 de xuño. 

A fórmula xurídica

Como eixo central da Asemblea Xeral de En Marea sitúase o elemento de conflito entre as forzas políticas que integran a coligazón, isto é, a fórmula xurídica coa que se rexistrará a candidatura.

Podemos e Esquerda Unida defenden unha coligazón electoral mentres que Anova pula por un partido instrumental

Anova, como expresou o propio Xosé Manuel Beiras nunha entrevista concedida recentemente á Cadena Ser, defende a inscrición como partido instrumental do proxecto co obxectivo de garantir a conformación dun grupo parlamentar propio nas futuras Cortes, sexa cal for a composición final da Mesa do Parlamento.

Pola súa banda, Podemos, desde a súa dirección en Madrid, e Esquerda Unida defenden repetir a fórmula dos comicios de decembro que deixou sen grupo --malia teren sido eleitas seis persoas-- a En Marea. Ambas as dúas organizacións poñen en mans dun cambio na "correlación de forzas" da Mesa do Congreso a creación dun hipotético grupo galego. 

Anova consulta as bases

Entretanto, Anova consultará as súas bases sobre a fórmula xurídica que debería adoptar En Marea. De facto, defenden que sexan tamén as bases de En Marea as que "decidan todo o importante", explican nun comunicado pendurado no seu portal web. Así as cousas, o prazo para rexistrar as coligazóns remata esta sexta feira (13 de maio) polo que aceptaron "preventivamente", din, inscribir a coligazón. Ora ben, subliñan, "aínda queda prazo até o día 23 para poder escoller outra fórmula". 

Comentarios