PROGRAMA ECONÓMICO

En Marea defende o aumento do gasto público e a derrogación das reformas laborais de PSOE e PP

En Marea apresentou esta segunda feira o seu programa económico. Ten un claro ar socialdemócrata, con propostas basicamente keynesianas. Defenden o aumento do gasto público en tres pontos do PIB. VÍDEO NO INTERIOR.

En Marea. Apresentación programa económico xerais 2016

Yolanda Díaz e García Buitrón -número 2 por A Coruña e candidato ao Senado, Esquerda Unida e Podemos, respectivamente- compareceron esta segunda feira en Compostela para apresentar o programa económico da coligazón En Marea para as xerais. Estiveron acompañados dos economistas Manuel Lago e Gonzalo Rodríguez.

O repertorio de propostas remite para o ideario tradicional da socialdemocracia clásica: aumento do gasto público -na contorna dos 3 pontos do PIB estatal-, reforzo da negociación colectiva -coa derrogación das reformas laborais de PSOE e PP-, nova política fiscal para gravar os grandes patrimonios, aumento do salario mínimo interprofesional, nunha primeira fase aos 800 euros coa intención de o colocar nos 900 cara ao final da lexislatura.

En Marea propón aínda un novo modelo de desenvolvimento "sobre bases reais", afastada da economía especulativa e envorcada na dinamización de "sectores consistentes sólidos capaces de xerar valor e emprego con condicións".

O repertorio de propostas remite para o ideario tradicional da socialdemocracia clásica

Completa a oferta programática a demanda dunha banca pública e medidas de carácter social como a implantación dunha renda garantida destinada aos "30.000 fogares galegos sen ningún ingreso", un mínimo tamén garantido "de consumo de luz e auga" contra a pobreza enerxética, a paralización dos despexos de primeiras vivendas e o mantemento do poder adquisitivo das pensións.

"O programa de economía que apresentamos hoxe o que fai precisamente é colocar a economía ao servizo das persoas, xustamente o contrario do que está a facer coas súas propostas fundamentalmente o Partido Popular", avaliou na súa intervención ante os meios Yolanda Díaz.

Comentarios