En Marea comprométese a “derrotar” Mariano Rajoy e, posteriormente, Feijóo

En Marea realizou na mañá do domingo un acto no Hotel Compostela (Santiago) que serviu para presentar os principais candidatos e candidatas da coligazón de Podemos, Anova e EU, entre outras formacións, ás eleccións xerais.

Candidatos e candidatas de En Marea
photo_camera [Imaxe: En Marea] Candidatos e candidatas de En Marea

Os candidatos e candidatas de En Marea ao Congreso comprometéronse traballar por “derrotar” en Galiza o presidente do Goberno, Mariano Rajoy e, posteriormente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tal e como salientou a número 2 pola Coruña e coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz nun acto que tivo lugar na mañá do domingo en Compostela diante de decenas de militantes de Podemos, Anova e EU. A portavoz de AGE no Parlamento, que aludiu ás varias “mareas negras” que sufriron os galegos e galegas co Partido Popular, sinalou que En Marea concorre ás eleccións xerais para “cambialo todo, coa man tendida e con xenerosidade”.

Pola outra banda, Antón Gómez Reino, número 1 pola Coruña e dirixente galego de Podemos, tomou como exemplo as eleccións municipais, que fixeron posíbel “levar os desexos de transformación da cidadanía ás institucións”. “O movemento das mareas foi fundamentais”, afirmou, para cargar, a continuación, contra as “elites”.

Ademais, a cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández aludiu á emigración e o número 1 por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, editor, escritor e colaborador de Sermos Galiza, erixiu a coligazón en “portavoz da xente común”. Após o candidato por Lugo, tomou a palabra David Bruzos, cabeza de lista de En Marea por Ourense.

Comentarios