BNG pide unha auditoría do contrato coa empresa

A Marea Atlántica obtén o apoio do PP para pagar facturas atrasadas á Compañía de Tranvías

A Marea ensaia a xeometría variábel para tirar adiante modificativos de crédito. O de maior envergadura -un pagamento de 1,2 millóns de euros á Compañía de Tranvías- pactouno co PP a cambio de levantar o veto a un proxecto da época de Carlos Negreira. BNG votou en contra.

Pleno Orzamentos A Coruña
photo_camera Un aspecto do salón de plenos

O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta segunda feira un modificativo de crédito para pagar 1,2 millóns de euros á Compañía de Tranvías da Coruña en conceito de facturas atrasadas do bonobús. Os fondos saen de partidas orzamentais que a estas alturas do exercicio xa non hai tempo material de executar.

O acordo co PP chega após o goberno da Marea ter dado marcha atrás a súa intención inicial de cancelar neste exercicio a obra da Cafería Remanso na Praza José Toubes, un proxecto da época do popular Carlos Negreira como alcalde.

Destarte, este modificativo de crédito foi aprobado con 20 votos a favor (os 10 da Marea e os 10 do PP), a abstención dos 6 escanos do PSOE e o voto en contra da única concelleira do BNG, Avia Veira.

O BNG pide que se audite o contrato do concello coa Compañía de Tranvías

A edil nacionalista criticou que se continúe a financiar unha empresa que ten beneficios e pediu que se audite o contrato do concello coa compañía.

Segundo os dados achegados por Avia Veira na sesión plenaria, a Compañía de Tranvías tivo este exercicio un défice de explotación subvencionábel de 3,3 millóns de euros e, aínda así, recibiu transferencias das arcas municipais por valor de 8,6 millóns, “ou sexa 5,2 millóns máis do que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo”.

O Pleno aprobou outro modificativo de crédito -por valor de 382.757- para incrementar a bolsa de solo disponíbel con vistas á construción de vivendas municipais. Aí a Marea ensaiou outras alianzas, a do BNG -que votou a prol- e a do PSOE -que se abstivo. O PP votou en contra. Un terceiro modificativo -por importe de 317.342 euros- para o financiamento de distintas obras recebeu a luz verde do salón plenario por unanimidade. 

A xulgar polo desenvolvimento deste pleno, a hipótese dunha alianza da Marea co PSOE -necesaria para tirar adiante o proxecto de orzamentos para 2017- estaría neste momento bastante verde.

Comentarios