Análise

O centro xa non ten cabida no PPdeG

O novo tempo político aberto tras o rotundo triunfo de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións madrileñas librou Feixoo de complexos. Veteranos membros do PP hoxe afastados da dirección sinalan a Nós Diario que "Feixoo e Ayuso son a mesma esencia pero en frascos diferentes. O raro é que en Madrid non se deran conta antes”. 

Isabel Díaz Ayuso con Alberto Núñez Feixoo na súa toma de posesión (Foto: Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso con Alberto Núñez Feixoo na súa toma de posesión (Foto: Europa Press)

Chegou a Galiza coa encomenda de aliñar ao Partido Popular de Fraga coas posicións políticas de José María Aznar. Naqueles días revoltos da crise do Prestige e patrocinado polo sector do birrete, liderado por Mariano Raxoi e o seu padriño político, José Manuel Romay Beccaría, desembarcou no Goberno galego no marco dunha crise de Gabinete impulsada desde o Executivo estatal para apartar do núcleo de poder dos populares galegos a aqueles sectores da formación menos confesionais coa liña ideolóxica da Fundación de Analises Estudios Sociales (FAES) de Aznar. Fiel gardián da ortodoxia, non tardou en medrar na formación e gañar a batalla da sucesión co apoio do sector máis ultra do partido.

Sempre foi un duro e así actuou na oposición e no Goberno baixo unha imaxe de aparente moderación,  só posíbel polo férreo control dos medios de comunicación públicos e, tamén, privados. Se os inicios da súa xestión na Xunta estiveron ligados a unha nova lexislación en materia lingüística ao ditado das orientacións dos teóricos de FAES após apuntarse ao relato da imposición do galego, as súas decisións en materia de benestar colocaron a Galiza á cola do Estado en investimento en servizos sociais ou en Atención Primaria en coherencia coa axenda neoliberal. Nunha actuou como un tecnócrata, pola contra a súa acción gobernamental respondeu a un programa ideolóxico 
sen concesións.

O novo tempo político do PP

O novo tempo político aberto tras o rotundo trunfo de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións madrileñas librouno de complexos. Malia recoñecer as dificultades de penetración na sociedade galega dun discurso como o referendado de xeito maioritario pola cidadanía de Madrid, os populares galegos asumiron, na liña da valoración efectuada pola dirección estatal do partido, que só a hexemonía ideolóxica garante maiorías electorais alén de episodios circunstancias. Neste sentido, enmarcouse o proceso de rearme doutrinal da formación formalizada no seu pasado congreso do mes de xullo pero evidente nos últimos meses nas intervencións dos seu voceiros e responsábeis institucionais. 

O aliñamento de Feixoo coas posicións máis extremas do PP non pasou inadvertido para os grupos de comunicación madrileños situados no espectro progresista, que tradicionalmente se destacaron polos seus cumpridos ao presidente galego, como representante dunha dereita civilizada apartada das posicións máis ultras. Sen ir máis lonxe, o pasado domingo, o diario El Pais, nunha crónica asinada por Javier Casqueiro, reparou no xiro de Feixoo e destacou a súa proximidade con Díaz Ayuso, significando que ambos mandatarios “transformáronse nun eixo de poder popular” e “se dispoñen a manter unha relación de forza no PP, cunha liña dura común de oposición ao Goberno de Pedro Sánchez”.

A sintonía entre Ayuso e Feixoo viviu un último capítulo na conferencia de presidentes celebrada a pasada sexta feira, 30 de xullo, en Salamanca. Segundo adiantou o xornal de Prisa, o mandatario galego e a súa homóloga madrileña ficaron a almorzar en solitario antes do encontro  nun hotel da cidade co obxectivo de trazar unha estratexia conxunta, que posteriormente trasladaron a reunión, “cada un co seu estilo”, pero “repetindo as mesmas consignas”. A este respecto, un veterano militante popular, hoxe apartado da dirección da formación, sinalou, a Nós Diario que “Feixoo e Ayuso son a mesma esencia pero en frascos diferentes. O raro é que en Madrid non se deran conta antes”.

Comentarios