Luz verde á aprobación provisional do PXOM de Vigo

A cidade carecía de plan urbanístico actualizado desde 2015
Sesión plenaria no Concello de Vigo, onte. (Foto: Adrian Irago / Europa Press)
photo_camera Sesión plenaria no Concello de Vigo, esta quinta feira. (Foto: Adrian Irago / Europa Press)

O pleno do Concello de Vigo aprobou esta quinta feira de maneira provisional o novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) da cidade, que substituirá o documento aprobado en 2008 e anulado en 2015 polo Tribunal Supremo (TS), debido a unha insuficiente motivación por parte da Xunta da Galiza (naquela altura gobernada por PSOE e BNG) arredor da non obrigatoriedade da avaliación ambiental estratéxica. 

Nunha axitada sesión plenaria –marcada polas protestas no exterior de traballadores da automoción e da concesionaria do transporte urbano, Vitrasa, os cales lograron acceder ao salón e protestar contra a actuación do Goberno local–, o PXOM saíu adiante cos votos a favor de 17 edís do PSOE, 5 abstencións do PP e 3 votos en contra do BNG. 

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, reivindicou a importancia de que Vigo conte cun plan que "resolva a situación actual" da urbe, destacando que "proporcionará vivenda a un prezo razoábel". 

Un PXOM de "despachos"

Pola súa parte, o portavoz do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou que o Goberno de Abel Caballero "non quere que a cidade escoite os argumentos e as alternativas" do resto de partidos para este PXOM, en relación á maneira de elaborar e de tramitar o documento, "nos despachos" e "sen diálogo con ninguén".

"Era unha oportunidade de dotar Vigo dun plan xeral de toda e para a toda a cidade", dixo, querendo buscar un modelo de urbanismo "en favor do interese xeral e non da especulación", lembrando o caso do "pelotazo urbanístico" de Cabo Estai.

Para a portavoz do PP, Marta Fernández-Tapias, o novo PXOM de Vigo demostra a "incapacidade e incompetencia" de 17 anos de Goberno de Abel Caballero, cunha clasificación de solo da cidade realizada "de maneira arbitraria".

Comentarios