Vigo aproba o seu orzamento entre críticas da oposición

O BNG sinalou que "dous de cada tres euros" están "privatizados".
O Goberno de Vigo, onte, após o pleno sobre os orzamentos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Goberno de Vigo, esta cuarta feira, após o pleno sobre os orzamentos. (Foto: Nós Diario)

O Pleno de Vigo aprobou esta cuarta feira de maneira definitiva os orzamentos para 2024, que son os máis altos da historia da cidade ao contar con máis de 316,6 millóns de euros. As contas, que saíron adiante cos votos a favor dos e das edís do PSOE, pese ao "non" do PP e do BNG, son "boas para a cidade", defendeu o edil de Facenda, Xaime Aneiros, quen reivindicou que se fan con "débeda cero" e con "baixa presión fiscal".

Aneiros xustificou que non se aceptara ningunha das 100 emendas presentadas pola oposición alegando que algunhas eran "irrealizábeis", outras xa estaban incluídas nos orzamentos e algunhas suporían "volver ás políticas do pasado".

Pola súa parte, o voceiro do grupo socialista e do Goberno local, Carlos López Font, acusou a oposición de "defender as súas siglas" e non os "intereses da cidade", a pesar de que estas contas mellorarán, ao seu xuízo, as políticas sociais e foron realizadas de maneira "participativa" polo "contacto diario" cos habitantes. 

"Privatización" de servizos

Unhas palabras que distan moito das ditas pola oposición. En concreto, o portavoz do BNG, Xabier P. Igrexas, indicou que o Goberno local confunde Vigo "co seu embigo", negándose a aceptar acordos. "A democracia é moito máis que votar cada catro anos", lamentou. Igrexas destacou a importancia de aumentar o gasto social do Concello e o investimento en barrios e parroquias e non só en grandes obras como a do ascensor Halo. O voceiro do BNG criticou tamén a "privatización" de servizos públicos, indicando que "dous de cada tres euros" dos vigueses e das viguesas van parar a grandes empresas. 

Desde o PP, Marta Fernández-Tapias lamentou uns orzamentos "inflados e pouco fiábeis", cunha cifra "estratosférica" que "nunca se chega a executar" completamente.  

Comentarios