Luciano Sobral, alcalde de Poio (BNG): "O mellor, en xeral, foi ver a transformación de Poio"

A parroquia de Combarro, en Poio, vivirá este domingo o seu día grande en lembranza do 50º aniversario da declaración como Conxunto Histórico de Interese. Nós Diario conversa co seu alcalde, Luciano Sobral, sobre o que representou este nomeamento e os seus 27 anos á fronte da alcaldía desde a súa chegada en 1995.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, no parque da Memoria (Foto: Nós Diario).
photo_camera O alcalde de Poio, Luciano Sobral, no parque da Memoria (Foto: Nós Diario).

—Que representou para a parroquia de Combarro e para o municipio de Poio a declaración en 1972 de Conxunto Histórico de Interese?
Foi un punto de inflexión en relación á recuperación e conservación do lugar, polo menos do que se puido recobrar. Daquela xa se perderan algúns hórreos e edificacións. Abriu unha posibilidade de manter ese patrimonio. Eu cheguei á corporación en 1979 e a veciñanza, ao principio, mirábao como algo negativo polas normas que implicaba actuar nunha vivenda.

Tamén a burocracia de todo o que ten que ver cunha instalación, un hórreo ou mesmo as reparacións das casas. Aínda hoxe leva toda unha tramitación. Mais ao final fóronse dando conta de que a conservación dese recinto histórico e o valor engadido que lles supuxo tivo un lado máis positivo, por non falar da inxección económica para poder restaurar e deixar Combarro como está hoxe.

—Combarro colócase como un exemplo no debate actual de equilibrar a conservación coa valorización dun espazo patrimonial. Foi difícil esa harmonía?
É un recinto pequeno. A virtude que ten é que a xente vive nel e hai moita vivenda ocupada, aínda que nos últimos vinte anos foise enfocando cara ao alugueiro e a hostalaría. Agora, nunha fase nova, de cara ao alugueiro para o turismo.

Entendemos que é unha oportunidade de negocio ao ser un lugar moi visitado. Hai que compatibilizalo cunha certa masificación durante uns meses, sobre todo no verán. Nese equilibrio, para que non se deteriore, estamos traballando. Apostamos por un turismo sostíbel. Temos unha área de rehabilitación integrada cunha arquitecta responsábel para seguir dándolle ese atractivo que segue a ter Combarro e evitar que eses meses de masificación deterioren o recinto. 

—Entrou como concelleiro nacionalista en Poio en 1979 e é alcalde polo BNG desde 1995 até agora, que anunciou que non se presentará. Como explica ese apoio durante tantos anos neste municipio?
Desde que entrei a militar no nacionalismo tiven ilusión nesta zona rural na que nacín. Tamén unha implicación na organización de país e na localidade na que estou. Ademais, as compañeiras e os compañeiros, non sei se por castigo (sorriso) ou por considerar que tiña que ser eu candidato -sempre estiven en disposición- e elixíronme.

E aínda sigo, mais despois de tantos anos na corporación tomei a decisión por motivos familiares. Durante todos este tempo tivemos altos e baixos. Gobernamos a maior parte das veces en coalición e tivemos dúas maiorías absolutas. A ilusión non a perdo, mais considero que a xente precisa un cambio, que será con Marga Caldas, e agardamos manter a alcadía, é unha gran compañeira e con anos de experiencia no Goberno municipal.     

A ilusión non a perdo, mais considero que a xente precisa un cambio

—En todos estes anos como alcalde de Poio cal foi o momento máis positivo e o máis negativo que viviu? 
O mellor, en xeral, foi ver a transformación do concello. Foi moi importante, non só pola recuperación do recinto histórico, tamén polo que se fixo no municipio, con obras importantes. Un exemplo é o parque da memoria Adolfo Pérez Esquivel e a recuperación dos espazos públicos.

O peor, aínda que procuro sacar o lado positivo, foi a situación conflitiva que vivimos coas persoas que habitaban o poboado do Vao. Houbo tensión mais ao final a situación tranquilizouse malia o problema de fondo que existe. Tentamos buscarlles unha saída, cremos que o importante son as persoas.

Comentarios