luns 18/10/21
Encontro de embarcacións tradicionais

Combarro será a capital da gran festa do mar en 2017

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, prepara o programa para que o encontro bienal de embarcacións tradicionais, que terá lugar entre o 28 de xuño e o 2 de xullo de 2017. O presidente da entidade, Manolo Sendón, dá conta dos detalles arredor do que denomina “a gran festa do mar”.

[Imaxe: Culturmar] Embarcacións tradicionais en Muros
[Imaxe: Culturmar] Embarcacións tradicionais en Muros

Combarro será o epicentro da cultura marítima en 2017, cando recale en Poio o Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza cada dous anos a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. Trátase dunha cita que ten lugar desde 1993, ano en que se desenvolveu en Ribeira. “Imos espallando o valor do patrimonio e o coñecemento e a afección da xente arredor da cultura do mar”, explica Manolo Sendón, presidente de Culturmar.

Foi a federación quen adoptou a decisión de converter Combarro na capital da cultura marítima galega o ano que vén. A parroquia de Poio xa acollera o encontro na edición de 2001. “Contamos co apoio absoluto do Concello, por ser coorganizador, e co do porto, pois non hai que esquecer que alí amarrarán unhas 150 embarcacións”, sinala Sendón.

Arredor da cita exhibiranse embarcacións, que navegarán pola ría de Pontevedra, e desenvolverase un amplo programa de actividades vinculado ao patrimonio cultural marítimo en terra

O meirande encontro da península

A concentración de embarcacións tradicionais que representa este encontro bienal é o máis grande da península e, aínda que é de marcado carácter galego, tamén conta con delegacións internacionais. Arredor da cita exhibiranse embarcacións, que navegarán pola ría de Pontevedra, e desenvolverase un amplo programa de actividades vinculado ao patrimonio cultural marítimo en terra. Non faltarán as xornadas técnicas, obradoiros de oficios mariñeiros, exposicións, artesanía, publicacións e mesmo música.

Completarán as actividades un encontro infantil e mais outro de inclusión para persoas con discapacidade. O comité organizador, que é de carácter aberto, ultima os flocos do programa.

O obxectivo final da cita será a difusión do patrimonio marítimo galego. Aínda que o encontro é a cita principal que organiza Culturmar, a Federación, que comprende todo o movemento que se dedica á salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial na Galiza, con case medio cento de asociacións, organiza ao longo do ano accións de defensa e posta en valor da cultura do mar. “Facemos ducias de eventos anuais, de concentracións de embarcacións, de regatas de dornas...”, afirma Sendón.

Reclamacións

Todas estas actividades, nomeadamente o encontro bienal, contribúen á dinamización de sectores como a carpintaría de ribeira, a velaría, a artesanía... amais de serviren de polo de atracción do turismo e de concienciación arredor da cultura marítima. Porén, fica aínda moito por manter vivo o patrimonio mariñeiro. “As embarcacións, ao seren de madeira, requiren dun coidado especial, pois son moi fráxiles. En cambio, nos nosos portos nin sequera existen espazos para acoller este patrimonio flotante. Botamos en falta a existencia de mariñas tradicionais, espazos destinados a albergar as embarcacións e para as exhibir, realizar actividades...”, lamenta o presidente de Culturmar.

Sendón: "Nós recuperamos moito o patrimonio marítimo galego, pero fai falta unha política global"

“Nós recuperamos moito o patrimonio marítimo galego, pero fai falta unha política global que contribúa a facer realidade as nosas tres reclamacións principais: as mariñas tradicionais; un inventario do patrimonio marítimo e das embarcacións e o recoñecemento das embarcacións tradicionais como bens patrimoniais e culturais, porque non están recoñecidos como si o están os muíños, os cruceiros...”, conclúe Manolo Sendón, en declaracións a Sermos Galiza.

comentarios