Luciano Sobral deixará a Alcaldía de Poio após 27 anos

A segunda tenente de alcalde, Marga Caldas, será a candidata do BNG en 2023.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcalde de Poio, Luciano Sobral. (Foto: Nós Diario)

Luciano 'Nito' Sobral entrou na corporación local de Poio como edil hai xa 43 anos, e desde 1995 fíxoo como alcalde do municipio. Agora, após 27 anos dun período ininterrompido, Sobral anuncia o seu adeus á vida da política institucional.

O aínda rexedor convocou os medios de comunicación esta cuarta feira para facer oficial o que para moitos era xa un segredo a voces: na lista do BNG para os comicios de 2023 non figurará en primeira posición o seu nome.

"É un momento de moita emoción e non sei nin como expresarme. Estou emocionado porque o Bloque e o Concello quedan en boas mans, e desde agora podo descansar e durmir ben, tranquilo", dixo.

Tómalle o relevo a concelleira de Deportes e Seguridade Cidadá e segunda tenente de alcalde, Marga Caldas, un nomeamento que enche de "orgullo" a Sobral, quen dixo dela que é "unha persoa preparada e comprometida coa veciñanza".

A que será a primeira alcaldesa de Poio desde 1937 asegurou estar tamén "agradecida" e "orgullosa" de Sobral: "Vou coller o legado que me deixou Nito, mais abriremos un proxecto para ese futuro que ten que ter o concello e adaptalo ás novas necesidades".

Por último, Nito Sobral pediulle á súa sucesora que manteña a "proximidade" cos veciños e veciñas que caracterizaron o seu mandato, "e que vaia de fronte ante os problemas".

Comentarios