Leiceaga oferece políticas ao sector lácteo para “reforzar grupos sólidos de base galega”

Sen utilizar a expresión Grupo Lácteo Galego, o candidato do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, veu prometer esta quinta feira algo polo estilo. Anunciou que desde o goberno apoiaría “proxectos lácteos das coooperativas para reforzar grupos sólidos de base galega”.

Leiceaga, durante a visita á Aula de Produtos Lácteos, de Lugo. 1 de setembro de 2016
photo_camera Leiceaga, durante a visita.

Leiceaga realizou esta quinta feira unha visita á Aula de Produtos Lácteos en Lugo, un evento que lle permitiu debullar as liñas mestras do que serían as políticas dun goberno galego que el liderase en relación ao sector lácteo.

“Estamos a favor de que as grandes empresas do sector invistan na Galiza, mais necesitamos reforzar os grupos que teñen contacto diario cos produtores, porque é a garantía de que os seus intereses serán apoiados”, dixo o candidato da formación socialdemócrata.

Leiceaga acusou Feijóo de non ter sido capaz de “liderar” un sector que, salientou, “representa o 40% da produción estatal e o 60% das explotacións”, mais que nesta altura se acha nunha “profunda crise”.

O candidato do PSdeG comprométese a convocar desde a presidencia da Xunta “os principais axentes de compra de leite” e a non permitir que se ergan da mesa “até garantiren un trato digno aos produtores”.

Puxo como exemplo a este respeito o acordo de prezos ao que chegaron o goberno francés e Lactalis.

Comentarios