A nova lei de saúde da Galiza segue a súa tramitación após ser aprobada polo PP en solitario no Parlamento, mais de momento xa atopou un novo atranco máis aló da falta de convencemento da oposición no país. O Goberno do Estado español vén de elevala ao Consello de Estado.
Para o Executivo de Pedro Sánchez a norma ten certas medidas que considera “inconstitucionais como a vacinación”, polo que quere esa opinión máis elevada.
Considera que debe ser o Consello o que se pronuncie sobre a constitucionalidade de “obrigar á vacinación en situacións epidemiolóxicas que o requiran” como no caso da Covid-19, entre outras cuestións.
Unha das polémicas xa na Galiza foi que se incluíra no texto a posibilidade de que a Xunta requira “a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización” por imposición.
Respecto a esta posibilidade, tamén se entende que ademais de afectar a reserva de Lei Orgánica e ao ámbito competencial do Estado, non considera a estratexia de vacinación aprobada polo Consello Interterritorial que recolle que a vacinación será voluntaria.
Aliás o artigo 7, que engade medidas preventivas en materia de saúde pública, e que por tanto a lei autonómica vulnera a reserva da Lei Orgánica.
O tempo máximo para emitir un ditame sobre o documento remata o 23 de marzo e podería presentarse un recurso de inconstitucionalidade no Tribunal Constitucional até finais do mes de maio. Polo momento ese paso non foi comunicado ao Parlamento galego.