O proxecto da nova Lei de saúde enfronta o PP coa oposición

Na comisión parlamentaria de Sanidade acordouse repor o persoal no centro de saúde de Ribera, mais houbo enfrontamentos polos plans do PP.
Dispositivo de cribado en Guitiriz. (Foto: Concello de Guitiriz)
photo_camera Dispositivo de cribado en Guitiriz. (Foto: Concello de Guitiriz)

O proxecto de modificación da lexislación sanitaria volveu enfrontar o Partido Popular coas forzas da oposición. A este respecto, o portavoz socialista na comisión parlamentaria de Sanidade, Julio Torrado, sinalou que “é un ataque contra as liberdades”, impón “un réxime sancionador autoritario que restrinxe dereitos fundamentais e liberdades públicas” e resulta unha “manobra parlamentaria de dubidosa constitucionalidade para alimentar o delirio bolivariano de Feixoo”.

“Unha lei como esta que implanta un estado de alarma non é viábel”, sentenciou Torrado, quen lamentou que a Xunta e o PP “en público presumen dunha lei de saúde, cando en privado realmente gostan dela porque limita dereitos”.

Nesta liña, considerou que a lei somete os galegos “a un estado de alarma permanente”, o que cualificou como “curioso” porque Feixoo “non quería un estado de alarma durante a pandemia, pero quéreo para dirixilo sen ela”.

As críticas contra a nova Lei da saúde da Galiza por parte da oposición sucedéronse desde que o PP deu a coñecer a proposta na segunda metade de 2020. Naquela altura, a portavoz do BNG, Ana Pontón, tachouna de “chapuza xurídica que trata as galegas e galegos como sospeitosos habituais, que hai que vixiar e sancionar; recorta dereitos a través dunha lei ordinaria; obriga a vacinarse baixo pena de multa e ten afán punitivo sancionador”.

O PP oponse a informar das vacinacións

Os populares votaron man da súa maioría absoluta para rexeitar unha iniciativa do socialista Torrado na que defendeu instar a Xunta a presentar un “informe inmediato” para aclarar as vacinacións irregulares da Covid.

“As persoas cometen erros, algunhas involuntariamente, outras voluntariamente. Os erros voluntarios xa non son erros e cando se cometen en conivencia con quen ten a capacidade de decidir, estes son máis graves. Lamentabelmente, isto ocorreu na Galiza”, concluíu Torrado.

A comisión de Sanidade aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada pola deputada do BNG Rosana Pérez sobre o centro de saúde de Ribeira. Reclamouse repor “de maneira inmediata” o número habitual de persoal sanitario, reforzalo ante as necesidades derivadas da pandemia, substituír as baixas do persoal e buscar, “sen dilación”, alternativas a falta de espazo neste equipamento.
 

Comentarios