DISPUTA INSTITUCIONAL

A lea entre Xunta e Concello ameaza a declaración das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade

Os gobernos galego e vigués, en mans do PP e do PSOE respeitivamente, enfróntanse por causa da candidatura das Illas Cíes para seren declaradas ben natural Patrimonio da Humanidade pola Unesco. A Xunta anunciou, por sorpresa, a candidatura do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en contraposición á candidatura das Illas Cíes en solitario que promove o Concello de Vigo desde hai catro anos.

cies
photo_camera Vista das Illas Cíes

O conflito entre a Xunta de Galiza e o goberno municipal de Vigo é unha constante desde hai varios anos. Cada semana unha decisión, un xesto ou unha reivindicación alimenta a espiral de confrontación institucional que enfronta os executivos do popular Alberto Núñez Feijóo e do socialista Abel Caballero. Ambos os dous gobernan con cómodas maiorías absolutas e a súa falta de entendemento é a expresión máis antagónica da política municipal na Galiza. A lea, alimentada por indisimulados intereses partidistas, vén de atinxir unha nova marca após a explosiva polémica arredor da candidatura das Illas Cíes a seren declaradas ben natural Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

As Cíes fan parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas desde 2002

O pasado 22 de maio, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o de Cultura, Román Rodríguez, facían pública a intención do Goberno galego de apresentar a candidatura do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, do que fan parte as Illas Cíes desde o ano 2002, para ser declarado no seu conxunto Patrimonio da Humanidade. Unha pretensión que colide de maneira frontal coa candidatura promovida polo Concello de Vigo desde hai catro anos, limitada, iso si, ao arquipélago das Cíes. Un dos espazos naturais de maior valor de Galiza e un dos emblemas da cidade olívica pasaba a se converter na arma arreboladiza no último, que non derradeiro, capítulo da lea entre Xunta e Concello de Vigo.

Polémica

cies02

A reacción municipal non se fixo esperar. Caballero cargou alporizado contra o anuncio da Xunta, cualificando a candidatura do Parque das Illas Atlánticas como unha deslealdade e unha “agresión a Vigo”. O primeiro edil da cidade olívica exixiu desde o primeiro momento que o Goberno galego dese marcha atrás e retirase a súa candidatura “ficticia” para apoiar, en troca, a defendida polo Goberno local. Na escalada de declaracións e contradeclaracións, Caballero afirmou que “estámonos [o Concello de Vigo] esforzando desde hai catro anos e eles [a Xunta] din levar catro meses. Nós logramos un apoio masivo, mentres a Xunta só formalizou un trámite burocrático, ou sexa, enviar un papel encargado e pagado a unha consultora, sen teren o apoio de ninguén, salvo o do PP de Vigo, claro, que non sabe de nada do que pasa na cidade”. “O noso proxecto é en positivo e está máis vivo que nunca, o seu é de ataque e xa está morto”, acrecentou, reclamando ao executivo galego que cumpra coa “palabra dada” de apoiar a candidatura das Illas Cíes.

Abel Caballero exixe que a Xunta retire a súa candidatura e apoie a promovida polo Concello

Pola súa banda, a Xunta xustificou a súa inesperada iniciativa, da que non informara previamente ao Concello de Vigo, asegurando que a candidatura auspiciada polo goberno de Caballero non existe como tal e fica reducida a anuncios e promocións. “Levamos desde 2013 escoitando declaracións, mais na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non existe nin un só documento. Para aprobar o exame hai que estudar, porén primeiro hai que mercar o libro. E aquí [o Concello] non comprou o libro aínda. Non hai un só papel que dea soporte ás múltiples e habituais declaracións que escoitamos”, defendeu o conselleiro de Cultura. Desta maneira, Román Rodríguez puña o foco no feito de Vigo non ter apresentado inda a documentación necesaria diante do Ministerio de Cultura, trámite indispensábel para iniciar o proceso formal de precandidatura.  O conselleiro xustificou a decisión de apresentar o Parque Nacional das Illas Atlánticas no seu conxunto explicando que “as Cíes, do ponto de vista natural, xeomorfolóxico e paisaxístico, fan parte dunha unidade máis ampla que son as Illas Atlánticas e precisamente o valor que teñen refórzase estando no conxunto”.

Entre ambas as posicións, o Partido Popular de Vigo debruzouse no debate cunha proposta diferenciada. Sen cuestionar a candidatura promovida pola Xunta e subscribindo as críticas vertidas contra a xestión municipal, a voceira popular no Concello, Elena Muñoz, tomaba distancia apenas seis días despois do anuncio dos seus compañeiros de filas defendendo publicamente que a candidatura sexa presentada sob o encabezado “Illas Cíes Patrimonio da Humanidade”. Con esa fórmula, Muñoz apostaba en outorgar o “liderado indiscutíbel” ás Cíes, en clara contradición cos argumentos ofrecidos até ese momento polo Goberno galego. Nun esforzo de enxeñería discursiva, asegurou que o PP de Vigo “consideramos que hai que reformular a candidatura, tendo en conta que as Cíes son a punta de lanza, a xoia da coroa do Parque Nacional [das Illas Atlánticas]”. “É indiscutíbel que as Cíes teñen que encabezar esta candidatura. Os vigueses non entendemos outra posibilidade”.

O PP de Vigo emendou á Xunta reclamando que as Illas Cíes "lideren" a súa candidatura

Esa fórmula intermedia, de candidatar o conxunto das Illas Atlánticas, mais detrás da denominación das Cíes, foi rexeitada de plano polo alcalde de Vigo. Quen si a aceitou, mais de maneira parcial, foi a Xunta. Destarte, a súa candidatura podería ter por denominación “Cíes – Parque Nacional das Illas Atlánticas”, á espera de que na Consellaría de Cultura se defina a fórmula definitiva. Esta emenda contou co plácet do propio presidente da Xunta, quen en declaracións a pasada cuarta feira xulgou a suxestión do PP de Vigo como “construtiva” e “intelixente”. Pola súa banda, o vicepresidente Alfonso Rueda fixo un chamado a que “traballemos todos xuntos e deamos ás Cíes o protagonismo que merecen como atractivo principalísimo”. 

Carreira de fondo

Está previsto que Xunta e Concello remitan ao Ministerio de Cultura as súas propostas definitivas nos próximos días e semanas. De non se resolver o conflito, será o Goberno español o que arbitre determinando cal das dúas incorporar na “lista indicativa” (a preselección anterior á candidatura diante da Unesco). Esa decisión, previsibelmente, terá lugar entre os meses de setembro e outubro. 

No caso de se manteren as dúas candidaturas, será o Ministerio de Cultura quen decida cal presentar perante a Unesco.

Sexa como for, as Cíes por separado ou as Illas Atlánticas no seu conxunto, atinxir o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade é un proceso longo e demorado que pode durar máis de 5 anos. Nese sentido, a falla de consenso institucional non é un activo para encarar o proceso de exame da Unesco.

Guerra de vídeos

Cada candidatura, a viguesa e a da Xunta, contan co seu respeitivo vídeo promocional. De non se retirar ningunha, o máis probábel é que se acaben por desenvolver simultáneamente dúas campañas públicas diferentes, ambas as dúas referidas a un mesmo arquipélago.

  • Vídeo da candidatura promovida polo Concello de Vigo (20/01/2017)

  • Vídeo da candidatura promovida pola Xunta (24/05/2017)

Un valioso patrimonio natural

A polémica partidista acabou por opacar o importante: o enorme valor ambiental das Illas Cíes e, tamén, do conxunto das Illas Atlánticas. O arquipélago das Cíes foi declarado Parque Natural en 1980 e, pola importancia da súa fauna aviar, ten a consideración de Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e lugar de importancia comunitaria. Cunha superficie terrestre de 433 hectáreas e mariña de 2.658 hectáreas, as Cíes, localizadas na boca da Ría de Vigo, albergan unha importante variedade de flora, fauna e uns fondos mariños de grande importancia ecolóxica.

As Cíes integran desde 2002, xunto o arquipélago de Ons e máis as illas de Sálvora e Cortegada, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que suman unha superficie de 8.400 hectáreas marcadas por unha singularidade de flora, fauna, xeomorfoloxía e paisaxe. Características que lles outorgan un indubidábel valor científico, educativo e recreativo. Así o confirman as máis de 400 mil visitas recibidas o pasado ano 2016.

comentarios