Ourense

Xácome defende o cesamento da tesoureira (contra o criterio de Facenda) e reafírmase en facer o mesmo co interventor

A decisión anunciáraa o propio rexedor xa en setembro de 2023, despois de que nun pleno no que se debateron varias modificacións orzamentarias aludise á funcionaria como "demasiado mexeriqueira".
Unha cámara captando o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Unha cámara captando o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Agostime / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, defendeu esta cuarta feira o cesamento da tesoureira municipal acordada polo seu Goberno o pasado xaneiro, a pesar de contar cun informe desfavorábel emitido polo Ministerio de Facenda, porque "non é vinculante", alegou o rexedor. Neste mesmo contexto, ratificou a súa intención de destituír tamén o interventor, un proceso no que "todo vai para adiante".

O decreto que cesa a tesoureira, así como un segundo que a nomea viceinterventora xeral do Concello —obrigatorio por ser unha funcionaria de habilitación nacional—, é un dos puntos incluídos na orde do día do pleno municipal ordinario que decorrerá na cidade das Burgas esta sexta feira. Xácome matizou, ao ser preguntado esta cuarta feira polos medios, que ao pleno "dáse conta" e "infórmase" dunha decisión do Goberno local, a cal defendeu contra o criterio da Dirección Xeral de Estabilidade Orzamentaria e Xestión Financeira Territorial de Facenda.

O alcalde insistiu en que non están a facer "nada contra a lei" porque o devandito informe "non é vinculante". O único que é obrigatorio é "solicitalo", e recibiuse "antes dos tres meses que marca a lei de límite", dixo. "Entón, parécenos un dato que non é tan relevante", recalcou Pérez Xácome, sobre o criterio do Goberno estatal, para seguidamente dicir: "Na vida moitas veces hai que ponderar outras fontes".

A decisión de cesar a tesoureira do Concello de Ourense, que levaba no cargo desde 2018, cando gobernaba o Partido Popular, anunciáraa o rexedor xa en setembro de 2023, despois de que nun pleno no que se debateron varias modificacións orzamentarias aludise á funcionaria como "demasiado mexeriqueira".

Cesamento do interventor

A decisión sobre a tesoureira chegará ao pleno no medio do proceso xudicial aberto por mor de que o interventor municipal, ao que o Goberno local tamén quere cesar, presentase unha demanda por acoso laboral contra o Concello e contra o propio alcalde.

Preguntado ao respecto, Xácome evitou avanzar "os seguintes pasos" no proceso de substitución destoutro funcionario —tamén contra do criterio de Facenda— e limitouse a dicir que "houbo unhas denuncias no xulgado e uns mecanismos". "E todo vai para adiante, pero tampouco imos retransmitir como vai cada paso", resolveu.

O rexedor abrira un expediente de cesamento contra o interventor en decembro por "discrepancias", así como por "obstrución", segundo anunciou el mesmo nunha sesión plenaria ese mes.

Comentarios