O Irixo acolle esta terza feira a primeira moción de censura do mandato que arrebatará a Alcaldía ao PP

O acordo subscrito entre os independentes e os socialistas implica a repartición do bastón de mando, que ostentará, en caso de saír adiante na sesión plenaria deste 29 de agosto, durante o próximos tres anos a candidata de Xuntos, Susana Igrexas, quen cederá no último ano de mandato a Alcaldía ao socialista Iago Fariñas.
Iago Fariñas e Susana Iglesias (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iago Fariñas e Susana Iglesias (Foto: Nós Diario).

Xuntos polo Irixo e PSOE formalizaron o 11 de agosto a primeira moción de censura deste mandato, que se debaterá esta terza feira, o día despois de que se cumpran só tres meses das eleccións municipais coas que o PP logrou facerse coa Alcaldía, aínda en mans de Manuel Cerdeira.

O acordo subscrito entre os independentes e os socialistas implica a repartición do bastón de mando, que ostentará, en caso de saír adiante na sesión plenaria deste 29 de agosto, durante o próximos tres anos a candidata de Xuntos, Susana Igrexas, quen cederá no último ano de mandato a Alcaldía ao socialista Iago Fariñas.

As formacións basean esta decisión en que os veciños "apoiaron maioritariamente un cambio na Alcaldía", posto que o rexedor tomou posesión pero en minoría, a diferenza do pasado mandato. Así, a suma dos cinco edís entre Xuntos (tres concelleiros) e PSOE (dous) suporía a perda do Goberno para os populares, que lograron catro edís nos comicios de finais de maio.

Trátase da primeira moción de censura que se produce en toda a Galiza tras os comicios do pasado mes de maio e chegará ao pleno municipal a terza feira ás 12 horas.

Se sae adiante, o Partido Popular perderá o goberno da localidade da comarca do Carballiño que dirixe desde que en 1995 o anterior alcalde, Manuel Penedo, que pasou de Centristas de Galicia ás filas do PP; con quen mantivo a maioría absoluta até o seu falecemento en 2019, cando Manuel Cerdeira asumiu a alcaldía por primeira vez.

Deste modo, Susana María Igrexas, de Xuntos polo Irixo, ocuparía o cargo de alcaldesa desde este mes de agosto até o 20 de maio de 2026, momento en que o asumirá o tenente alcalde socialista, Iago Fariñas, quen ademais será portavoz do goberno municipal.

A futura rexedora marca como obxectivo "cambiar a xestión do goberno actual" ante o "descontento total" que percibe e, aínda que recoñece que o seu partido "está a estrearse en política" porque se trata de "un grupo de veciños que queren cambiar as cousas", espera "aprender rápido" para "devolverlle a ilusión ao Irixo".

Así pois, destaca que as chaves do seu goberno bipartito co PSOE serán a "transparencia, a colaboración, a legalidade e outro modo de atender a xente deixando que participen".

En canto ao programa subliña como o máis importante "os servizos básicos", lamentando que hai lugares que "teñen problemas de saneamento e problemas coa traída de auga", polo que ambos os temas xunto con "a limpeza dos camiños e os puntos de luz" están nas prioridades da folla de roteiro.

Manuel Cerdeira

Pola súa parte, o aínda rexedor municipal, Manuel Cerdeira, recoñecía que esperaba a moción de censura por parte da oposición, pero lamentaba que non lle deron "nin os cen días de cortesía da democracia" e considera que o que se demostra con iso é que "lles interesaba o seu propio interese e non o dos veciños", porque "non deron tempo para facer algo nin ben nin mal".

Deste modo, Cerdeira insiste en que o que pretenden facer "é un acordo de cargos e postos" e lembra que antes da investidura "non eran capaces de decidir quen ía ser alcalde e quen tenente nin que concellerías ía ter cada un", motivo polo que cre que a moción se fraguou agora "cando chegaron a un acordo de repartición de postos".

Comentarios