18-F

Irene Montero pide dar "forza" a Podemos porque PSdeG e BNG xa gobernaron e "algunhas cousas non cambiaron"

"Para cambiar todo o que ten que ser cambiado na Galiza, Podemos ten que ter forza", defende a ex ministra de Igualdade.
Irene Montero acompañou hoxe a candidata de Podemos á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Irene Montero acompañou hoxe a candidata de Podemos á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A ex ministra de Igualdade e candidata de Podemos ao Europarlamento, Irene Montero, pediu esta cuarta feira o voto para que esta formación teña "forza" na Galiza, como garante de que haxa "verdadeiros cambios", e salientou que, ademais do PP, PSdeG e BNG xa gobernaron con anterioridade o país —entre 2005 e 2009— "e algunhas cousas non cambiaron". Así o manifestou en declaracións aos medios após manter un encontro, xunto á candidata á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, con representantes do colectivo Técnicas de Igualdade en Loita.

Irene Montero sinalou que "a xente ten claro" que, após 14 anos de goberno do PP, e tamén tras o paso de socialistas e nacionalistas pola Xunta, "algunhas cousas non cambiaron". "Para cambiar todo o que ten que ser cambiado na Galiza, Podemos ten que ter forza", proclamou. Por iso, fixo un chamamento a que o vindeiro domingo a xente "defenda as súas ideas", especialmente "a xente esquerdas", e que vote por Faraldo. "Porque alí onde está Podemos, todo o mundo sabe que cambian cousas que antes nos dicían que eran imposíbeis de cambiar", sentenciou.

Irene Montero tamén trasladou o seu apoio ao colectivo de Técnicas de Igualdade en Loita e subliñou que, para estar "á altura" dunha sociedade feminista, é necesario "coidar a estabilidade laboral" destas profesionais, que se prepararon para "transformar as institucións e empresas, para ser axentes que motivan, fomentan e aceleran as transformacións feministas que demanda a sociedade".

A este respecto, destacou que o traballo destas persoas é "fundamental para acabar co machismo e para ter institucións, empresas e unha sociedade libres de violencias, feministas, con contornas e espazos seguros, que promoven a conciliación, e garanten a igualdade de todos e os dereitos das persoas LGTBI". Nese sentido, a ex ministra de Igualdade insistiu en que é "fundamental" garantir "postos estábeis" e con condicións "dignas" para estas profesionais.

Pola súa parte, a candidata á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, que agradeceu a presenza de quen considera "a mellor ministra de Igualdade que houbo", lembrou que as técnicas de igualdade fan "un traballo transversal" e "hai que darlles a importancia que merecen".

Precisamente, unha das representantes do colectivo, Vicky, explicou que estas traballadoras, despois de que a Xunta recoñecese a súa titulación, atopáronse con que "non hai lugares nin postos para traballar", e que quen traballan fano de modo "precarizado". "Esperamos que de aquí salga algo bo, como xa pasou antes, xa que a nosa figura é necesaria na sociedade, que podamos traballar e educar ás persoas para que todo cambie", concluíu.

Comentarios