A ilegalización de Causa Galiza, camiño do Europarlamento

Encausados na 'Operación Jaro' agradecen Ana Miranda a “receptividade”. Tamén trataron esta posibilidade con EH Bildu.

Causa Galiza operación jaro

A ilegalización de facto decretada pola Audiencia Nacional sobre Causa Galiza chegará ao Parlamento europeo. Unha representación dos 9 independentistas procesados na 'Operación Jaro' contactou con Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, sondeando a posibilidade de que denunciase na Cámara comunitaria a suspensión de actividades da organización e “o proceso represivo contra o independentismo galego”. Fontes dos procesados agradecen a dispoñibilidade e repectividade amosada por Miranda e agardan que en breve se concrete, unha posibilidade que podería ser a través dunha pregunta parlamentar.

Ao tempo, esta posibilidade tamén foi comentada con EH Bildu -que obstenta o deputado obtido nas eleccións de 2014 na candidatura 'Os pobos deciden'-, en concreto con Maite Ubiria, responsábel da área internacional de Sortu.

Con este paso comeza a tomar forma o compromiso expresado publicamente polos encausados o pasado mes de abril nunha comparecencia pública co apoio de máis de 70 axentes políticos e sociais. Así, anunciaban que ían presentar mocións nos concellos de Galiza para procurar pronunciamentos contra a prohibición de Causa Galiza e a solidariedade cos encausados. Unhas mocións que querían estender ao parlamento galego, español e europeo. “Estamos perante unha persecución político-ideolóxica impropia dun rexime minimamente democrático”, manifestaba Joam Peres, unha das persoas encausadas, ao tempo que informaban que mantiñan contactos con medios e organizacións políticas internacionais para “dar a coñecer este proceso represivo” máis aló das fronteiras de Galiza.

Comentarios