Iglesias gábase de ter derrotado a independentistas en Catalunya e Euskadi e xa non ve no referendo unha liña vermella

Si que apareceu Galiza no debate a 4. Episodicamente. Foi a raíz dunha interpelación de Pedro Sánchez a Pablo Iglesias que deu lugar a que o líder de Podemos esclarecese que a súa proposta é oferecer "encaixe constitucional" á "diversidade" territorial que hai no Estado. 

Debate a catro. Eleccións xerais 2016.

Na loita polo espazo da socialdemocracia estatal, o candidato do PSOE aproveitou o asunto territorial para cargar contra Iglesias, desde a crenza de que este, para gañar votos nos caladoiros da España central, estaría incómodo debatendo sobre o direito de autodeterminación.

Sánchez atacou a Iglesias co argumento de que o secretario xeral de Podemos, nas negociacións para a falida investidura daquel, antepuxo aos direitos sociais o direito de autodeterminación de Galiza, Euskadi e Catalunya.

Perante este ataque, Iglesias optou pola evasiva, non fixo unha defensa explícita do direito de autodeterminación (pouco útil para entrar nos celeiros de votos do PSOE, o seu verdadeiro albo nesta campaña) e limitouse a reeditar o seu coñecido discurso sobre Catalunya, se ben nunha variante edulcorada: "Non queremos que Catalunya marche de España. Podemos defende unha España unida. Estamos dispostos a falar co PSOE e os partidos cataláns para procurar unha solución nova", dixo e a seguir gabouse de o seu partido ter derrotado as forzas políticas independentistas en Euskadi e Catalunya o pasado 20D. Reforzaba así o líder do partido morado a retórica de que a súa é a única formación capaz de garantir a unidade do Estado.

"Non queremos que Catalunya marche de España. Podemos defende unha España unida", dixo Iglesias

En todo caso, Iglesias -un político que destaca pola minuciosa preparación de todas as súas intervencións públicas- aproveitou o debate para modular a súa posición sobre o referendo de Catalunya. E nese sentido introduciu unha mudanza moi significativa. Perguntado polos moderadores do debate sobre se o consideraba unha liña vermella na negociación co PSOE -consideración que si lle deu na falida mini-lexislatura que deu lugar a esta campaña eleitoral-, Iglesias dixo significativamente: "Nunca nunha negociación de goberno hai liñas vermellas". É imposíbel non pensar que este cambio de posición ten a ver co feito de que neste momento Podemos lidera as enquisas no flanco esquerdo do taboleiro e que, portanto, desta volta non se estaría a negociar a vicepresidencia de Iglesias, senón as chaves da Moncloa.

Comentarios