ICV anuncia que non acudirá votar o 9 de novembro para “non axudar a Mas”

A formación de esquerdas federalista láiase de que a Generalitat catalá “degrade a consulta” e solicita poder votar nun referendo legal, “non nunha cousa que non é”.

Joam Herrera
photo_camera Joam Herrera

O coordinador de ICV -aliada con Izquierda Unida de Catalunya- Joan Herrera anunciou que non irá a votar a proposta alternativa de votación para o 9-N e lamentou que o presidente da Generalitat, Artur Mas, “degradara e queimara a consulta a cambio doutra cosa que non o é”.

Nunha entrevista no diario madrileño El País, Herrera dixo que o seu partido mobilizarase o día previsto para o referendo de autodeterminación para reivindicar o dereito a decidir do pobo catalán e criticou que o cambio que pon sobre a mesa CiU "só axuda a Mas para dicir que cumpriu coa súa palabra de que se votará”.

“O noso obxectivo é votar legalmente namentres Mas teima na opacidade, incompatíbel coa democracia”, rematou o líder dos ecosocialistas e federalistas cataláns.

Os membros propostos por ICV para integraren o Consello de Garantías Estatutarias e a Comisión de Control Eleitoral tamén se distanciaron no seu momento do referendo

Non é o primeiro desencontro de ICV cos soberanistas catalás. Marc Carrillo, xurista proposto por Iniciativa para integrar o Consello de Garantías Estatutarias, votou contra a Lei de Consultas por non a considerar axustada á Constitución, e máis recentemente o membro designado por esta formación política para facer parte da Comisión de Control Eleitoral, Joaquim Bruqué, demitiu -ao día seguinte de aparecer publicado o seu nomeamento- por considerar que o referendo do 9-N non reunía as suficientes garantías democráticas. 

Comentarios