BIEITO LOBEIRA/SECRETARIO DE ORGANIZACIóN DO BNG

“Na formulación de programa e candidaturas, tamén sairemos á rúa, de forma aberta"

O dirixente do Bloque amósase esperanzado co proceso iniciado pola súa formación e anuncia que intentarán presentarse en “todos os concellos do país” nunhas municipais que tamén ve como a posibilidade dun salto de cara ás xerais.

bieito lobeira
photo_camera Bieito Lobeira

-O Bloque transmite optimismo logo dun proceso que vai levar a que a organización se presente ás locais de maio de 2015 coa denominación de BNG-Asembleas Abertas.

-Fixemos unha primeira avaliación no Consello Nacional, aínda que quedan unhas cantas asembleas abertas por ter lugar, pero si, a valoración é positiva, entre outras cousas porque o sesenta por cento das persoas que participaron, unhas 5.000 en total, non eran militantes do BNG. Tratábase de incorporar esa realidade, necesaria, de cara ao relevante ciclo político que se abre, onde Galiza non pode ser espectadora senón protagonista. Dentro desa xente que non está no BNG, foi absolutamente maioritario o sentir de que o nacionalismo é necesario, por iso agora abriremos outra fase, coa formulación de programa e candidaturas tamén saíndo á rúa, de forma aberta, cun perfil nacional, non local nin localista. Porque tamén temos que lembrar que en Galiza as mellores expresións de gobernos municipais levan o selo do Bloque, con bos resultados tamén en cuestións sociais. E onde estamos na oposición sempre somos referente, de aí que aspiremos a presentarnos en todos os concellos do país.

"O sesenta por cento das persoas que participaron nas asembleas abertas, unhas 5.000 en total, non eran militantes do BNG" 

-A aposta nas asembleas abertas terá continuidade?
-Como autocrítica teño que dicir que no BNG ás veces debatemos, formulamos, aprobamos, pero non executamos. Na Asemblea Nacional de 2012 xa falabamos explicitamente de asembleas abertas. E agora niso estamos, conscientes de que hai sectores da sociedade máis activa que non son militantes nosos, pero reclaman unha visión de país. Múltiples termómetros, por exemplo a grande asistencia á manifestación do Día da Patria, así nolo indican. Estamos nun momento histórico, onde se pode reformular o Estado, co caso de Catalunya ou tamén o vasco, que irá na mesma dirección e non queremos que Galiza quede agochada nese debate, algo que pasa polo nacionalismo. 

"Nas locais aspiramos a reforzarnos e queremos ser como mínimo terceira forza"

-Neste proceso cara ás municipais, o BNG tería sitio para a incorporación dalgunha nova forza nacionalista que puidese aparecer en breve?
-Un proceso aberto é iso, aberto. Non hai vetos. A título individual, persoas doutras organizacións políticas xa participaron das nosas asembleas. 

-As municipais tamén marcarán tendencia cara ás xerais que se realizan poucos meses despois
-Nas locais aspiramos a reforzarnos e queremos ser como mínimo terceira forza, o que é certo que nos permitiría aspirar a dar un salto nos seguintes comicios, que serán de enorme relevancia e nos que o nacionalismo vai estar presente si ou si. 

Comentarios