Guía para non perderse nos actos do Día da Patria Galega

A axenda do 25 de xullo, ao completo.
Dia da patria

O Día da Patria Galega volve cargado de actos malia as limitacións impostas pola pandemia. O BNG recupera a súa tradicional marcha polas rúas de Compostela, mentres o PSdeG fai o seu acto polo 25-X en Rianxo. As restantes organizacións soberanistas ou da esquerda desenvolven distintas convocatorias na capital da Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego tenlle ganas a este 25 de xullo. Malia que por razóns sanitarias, os nacionalistas suspenden o Festigal e os actos da tarde na carballeira de San Lourenzo, a manifestación retorna ao seu percorrido habitual, con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela e remate na Praza da Quintana. A intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vaille pór fin a xornada, onde se conta coa presenza de máis de 40 delegacións internacionais.

O Partido Socialista da Galiza acode de novo a Rianxo. Ás 11.30 horas, diante da estatua de Daniel Castelao interveñen a voceira do partido en Rianxo, Carmen Figueira, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a ex presidenta do Parlamento da Galiza, Lola Villarino, a portavoz de Cultura da formación, Noa Díaz, o presidente do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, o ex ministro de Xustiza con Rodríguez Zapatero, Francisco Caamaño e o secretario xeral, Gonzalo Caballero.

Anova recunca ao compostelán parque de Galeras. A xornada arranca ás 11 horas cunha mesa redonda sobre as loitas sociais na Galiza, coa participacións de representantes de diversos colectivos sociais, continúa ás 12 horas cun debate sobre municipalismo onde van estar presentes algunhas candidaturas locais e remata ás 13.30 horas coa intervención do portavoz nacional, Antón Sánchez. 

Pulo mobilizador

A Alameda de Compostela acolle a saída de dúas marchas convocadas por diversas forzas. A primeira delas, por Agora Galiza, en parcería con colectivos antifascistas ou forzas políticas como o PCPE ou o PC (M-L) arranca ás 12.30 e remata ás 13.30 na praza do Pan, cun acto político e unha actuación musical de Xosé Constela. 

A segunda, organizada polas Assembleias Abertas Independentistas, parte ás 13 horas e pretende “recoller o mellor dunha tradición de compromiso e loita forxada durante xeracións de independentistas, especialmente no que se refire ao último ciclo do noso movemento”.

As convocatorias de Esquerda Unida e Causa Galiza caen este ano. Segundo sinalan a Nós Diario fontes da formación liderada por Eva Solla, a suspensión do acto está motivado pola situación sanitaria derivada pandemia. Pola súa banda, Causa Galiza anuncia "con pesar", a súa "desmobilización" neste 25 de xullo porque “explicitar con reiteración a división e debilidade extrema da fracción mais consciente do seu pobo non sería a actitude responsábel que se debería esperar dunha organización política seria”.

As vésperas da Día da Patria Galega veñen, tamén, completas. Así, ás 13 horas a Fundación Galiza Sempre organiza un acto político no hotel San Francisco de Compostela coa participación de Ana Pontón, Ana Miranda, Ruben Cela e Oriol Junqueras. Ás 17 horas, Galiza Nova homenaxea a Rosalía de Castro e Daniel Castelao no parque de Bonaval coa participación de Ana Pontón, Sabela Méndez e Paulo Ríos e ás 18.30 Ceivar dá comezo a súa cadea humana para esixir a liberdade dos presos independentistas. 

Por último, ese mesmo día ás 20 horas arranca da Alameda de Compostela unha marcha organizada polas entidades xuvenís nacionalistas a prol da República Galega.

Comentarios