Manifestación "unitaria" o Día da Patria: "Precisamos, sen complexos, retomar a esquerda de verdade"

As entidades que convocan a manifestación unitaria de cara ao vindeiro 25 de xullo reivindican en Compostela "a loita antifascista e anticapitalista e polo dereito de autodeterminación".
Presentación da manifestación unitaria convocada o Día da Patria ás 12.30 horas na Alameda compostelá (Foto: 25J Unitário).
photo_camera Presentación da manifestación unitaria convocada o Día da Patria ás 12.30 horas na Alameda compostelá (Foto: 25J Unitário).

Dez organizacións republicanas e independentistas presentaron este sábado na capital galega a manifestación "unitaria, antifascista e anticapitalista polo exercicio do dereito de autodeterminación" convocada para o vindeiro domingo 25 de xullo, Día da Patria Galega, na Alameda de Compostela —ás 12.30 horas—.

A convocatoria está impulsada por Agora Galiza-Unidade Popular, a Asemblea Republicana Galega, a Plataforma pola Terceira República, Cedeira pola Esquerda, Estudantes Antifascistas, o Colectivo Republicano de Redondela, o Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) e os comités antifascistas de Compostela, Lourinha e Vigo.

"Esta xornada vai permitir demostrar que a alternativa contra a monarquía e o capital vai vir da man dunha fronte común que faga posíbel a ruptura democrática", expuxo Álvaro Torres, que interveu en representación do bloque republicano e vermello.

Na mesma liña apuntou Xavier Moreda, representante dos colectivos antifascistas galegos convocantes, para quen o obxectivo desta mobilización é "anunciar sen ningún tipo de complexos que é máis necesario que nunca combater a 'inesquerda' que continúa ocupando espazos dunha maneira totalmente aburguesada e convencional".

"Precisamos, sen complexos, retomar a esquerda de verdade e resituarnos", incidiu.

Pola súa banda, Carlos Morais, de Agora Galiza, engadiu: "Este ano, ante a grave situación da agresión por parte do capital e o avance do fascismo, consideramos precisa unha resposta contundente e unitaria no Día da Patria".

Morais fixo un chamou a tomar parte nesta mobilización "ao conxunto da clase obreira, o proletariado e a xuventude rebelde".

Comentarios