O Goberno español recoñece ao BNG que a Policía protexe o rei emérito nas súas visitas

Así o admite o Executivo, logo dunha pregunta do deputado Néstor Rego. 
O rei emérito, Juan Carlos I, saudando a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, saudando a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)

O Goberno español admite que se ocupa do despregamento policial necesario durante as visitas do rei emérito Juan Carlos I a España, pero evitar dar detalles sobre o mesmo alegando que se trata de información clasificada como secreta.

Así contestou o Executivo a unha serie de preguntas expostas por escrito polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Néstor Rego, quen quería coñecer o tipo de dispositivo que se utiliza nesas visitas, o seu custo, se o realiza persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e se se mobilizan medios doutras zonas cando o anterior xefe do Estado viaxa á Galiza.

"Como en anteriores ocasións, para a chegada do rei Juan Carlos de Borbón adoptáronse as medidas e o despregamento policial necesario e preciso, cos medios que existen para garantir a seguridade do anterior Xefe do Estado", respondeulle o Executivo nun escrito.

Con todo, Rego non obtivo os detalles que requirira debido a que o Goberno se ampara en que eses "plans de protección" están "clasificados como reservados".

Así mesmo, o deputado do BNG emprazara ao Goberno para pronunciarse sobre as sucesivas visitas de Juan Carlos I á Galiza, que para a súa formación supoñen "unha tomadura de pelo" porque se outorga "un trato privilexiado a un ex Xefe de Estado corrupto, con cinco delitos fiscais no seu haber, ademais doutros de suborno e branqueo".

"Non corresponde ao Goberno valorar a actividade privada de S.M. o rei Juan Carlos de Borbón", replican desde Moncloa, nunha resposta na que tamén especifican que "a seguridade inmediata da Familia Real" é "responsabilidade do Servizo de Seguridade da Casa do Rei" e que Interior só se ocupa do despregamento policial necesario.

Comentarios