Ana Belén Vázquez, deputada do PP: "Galiza só pode perder cun Goberno central amordazado por Catalunya"

Ana Belén Vázquez (Bande, Baixa Limia, 1975) é toda unha veterana no Congreso español. Cabeza de cartel dos populares ourensáns nos últimos comicios, explica a Nós Diario a súa visión sobre a situación política do Estado e enuncia as liñas centrais de traballo dos populares galegos para esta lexislatura.
Ana Belén Vázquez no Congreso dos Deputados (Foto: Congreso dos Deputados).
photo_camera Ana Belén Vázquez no Congreso dos Deputados (Foto: Congreso dos Deputados).

—Que valoración fai do proceso de constitución da Mesa do Congreso e que conclusións tira do mesmo de cara á investidura do novo presidente do Executivo español e da conformación do vindeiro Goberno do Estado?
Volvemos asistir a unha sesión de investidura de estilo sanchista, pactando con todos aqueles a quen non lles interesa o futuro de España e que queren romper a unidade do Estado. Foi un esperpento, utilizando o dereito ao uso de determinadas linguas no Congreso para comprar apoios e vontades políticas.
Estamos en mans dun prófugo da Xustiza que non só quere o indulto para el, senón unha amnistía para todas as persoas que participaron no golpe de Estado de 1 de outubro de 2017 en Catalunya. 

Este é un acordo que prexudica Galiza porque se lle entrega o control do Estado aos independentistas cataláns.

—Alberto Núñez Feixoo someterase o próximo 27 de setembro ao pleno de investidura. Cre que aínda hai marxe para un Goberno do Estado liderado polo Partido Popular?
Hai marxe para unha investidura de Alberto Núñez Feixoo, cuxo Goberno sería o mellor para Galiza fronte a un Executivo amordazado polo independentismo catalán. 
Nós imos loitar porque Alberto Núñez Feixoo sexa investido, de feito trátase de elixir entre un Goberno do Partido Popular ou un Goberno central totalmente amordazado por Catalunya co que a Galiza só pode perder.

Núñez Feixoo representa un proxecto de estabilidade para todo o Estado, fronte a unha alternativa sometida a chantaxes como a de Sánchez. Nós non imos estar sometidos a chantaxes de ninguén, como xa demostramos con Vox na sesión de constitución do Congreso.

Os cidadáns españois falaron claro e os galegos falaron máis. Somos o partido que gañou as eleccións, sacamos 47 deputados máis que hai catro anos e temos a maioría absoluta no Senado. Por iso nós só imos pactar cos españois que nos converteron na primeira forza. 

—Sexa cal for o presidente do Goberno español, que cuestións referidas á Galiza consideran centrais desde o Partido Popular galego para levar adiante nesta nova lexislatura?
Nós imos loitar contra a discriminación que padeceu Galiza durante estes últimos catro anos polo Goberno de Sánchez, que reduciu en 60% o investimento para Galiza ao tempo que llo incrementou en 70% a Catalunya. Fomos discriminados polo PSOE porque na Galiza goberna o Partido Popular.

Hai moitas cousas importantes pendentes. Neste sentido, é prioritaria a transferencia á Galiza da autoestrada AP-9 entre Ferrol e a fronteira portuguesa, das competencias en materia de litoral e o impulso a determinadas actuacións de infraestruturas dependentes do Goberno do Estado, como a autovía Lugo-Ourense ou a chegada do AVE ás cidades galegas, pois só está conectada con Madrid Ourense. 

Nesta mesma dirección, non son de recibo os atrasos que se acumulan cos trens Avril, que ían estar na Galiza en maio de 2022 pero que aínda non están en funcionamento.
Urxe, tamén, unha mudanza na actuación Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que só inviste nos concellos gobernados polos socialistas e nos outros limítase a impor multas con criterios pouco claros. 

—Sinalaba agora os criterios seguidos pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para o reparto de fondos, como deputada dunha circunscrición que conta cun número moi elevado de encoros, que propostas defenden para que unha parte máis importante dos seus beneficios revertan nos concellos onde están emprazados?
Levamos moitos anos reivindicando desde o Partido Popular e desde o Goberno da Deputación de Ourense que haxa un retorno dos beneficios para todos aqueles concellos que se atopan afectados polos encoros. 

Neste sentido, esiximos que estes retornos cheguen a todos os municipios onde se empraza o encoro e non só a aqueles onde se localiza a central eléctrica.

—Un dos temas que semella que marcará esta lexislatura é a aprobación do novo sistema de financiamento, que propostas van defender?
A Galiza non foi rescatada, Catalunya si, por iso non vexo lóxico que teñamos que pagar a débeda de Catalunya, a súa festa, derivada en boa medida de facer propaganda independentista e abrir embaixadas no exterior con fins políticos. Nós imos defender que o novo sistema de financiamento prime a dispersión territorial, o envellecemento de poboación e o despoboamento.

As claves do resultado electoral do PP

Vázquez leva máis de 20 anos como deputada por Ourense. Neste sentido, maniféstase moi satisfeita cos resultados obtidos polo PP nesa circunscrición, onde os populares conseguiron a súa porcentaxe máis elevada de votos despois de Lugo.

Vázquez sinala que "é de agradecer o apoio en Ourense, onde dous de cada tres electores votaron o PP". A este respecto, apunta que "nós xogabamos coa vantaxe de Alberto Núñez Feixoo, un candidato moi coñecido e que desde a Xunta apoiou de forma decidida a Ourense". "Nós sabemos o que fixo Feixoo por Ourense e ademais sabemos que é un bo xestor e isto explica o resultado logrado polo PP na Galiza", conclúe a deputada popular.
A cabeza dos populares ourensáns non empregará o galego no Congreso dos Deputados "para evitarlle un gasto aos españois de 11 millóns de euros".

Comentarios