"A Galiza real" estivo representada no discurso do rei, segundo Paula Prado

"Volveu deixar claro que non hai ninguén por encima da Constitución nin das súas institucións", dixo.
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Europa Press)

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, manifestou na mañá da segunda feira que "a Galiza real que está con Alfonso Rueda" viuse reflectida no discurso do rei español Felipe VI. "Esa Galiza real que é leal á Constitución, que cre na fortaleza do modelo autonómico, en España e na Unión Europea, e que representan á perfección o noso presidente e o PPdeG", sinalou sobre Rueda.

Ademais, Prado puxo de manifesto que o rei "conseguiu representar co seu discurso a gran maioría dos galegos e das galegas, os que comparten os valores de unidade, concordia e respecto".

"Volveu deixar claro que non hai ninguén por encima da Constitución nin das súas institucións", dixo. "Como expresou Alfonso Rueda, as palabras da súa maxestade son unha chamada para superar a división e a defender o marco constitucional que levou a unha democracia plena", expresou a secretaria xeral do PP na Galiza.

Tamén argumentou que "nestes tempos de partidos que chaman a queimar a Constitución e promocionan o independentismo radical e doutros que alimentan a desigualdade entre territorios, é momento de reivindicar todo o exposto onte polo rei".

Comentarios