Fronte común da oposición contra o "estado de sitio" parlamentar imposto polo PP

PSdeG, AGE e BNG compareceron conxuntamente para denunciar o "estado de sitio" que a presidenta do Parlamento, Pila Rojo, quer impor na Cámara ao arrogarse a decisión de qué cidadáns poden acceder ás sesións. Anuncian unha resposta unitaria no debate dos orzamentos se Rojo non rectifica
Jorquera, Losada e Beiras
photo_camera Jorquera, Losada e Beiras

Os voceiros dos grupos parlamentares do PSdeG, AGE e BNG compareceron conxuntamente para denunciar o que supón que a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, se reserve o dereito de xestionar o cupo de invitad@s que accederán de aquí en diante á Cámara autonómica. Unha decisión que, para o socialista Abel Losada, é "unha especie de estado de sitio parlamentar" que ten como finalidade "que non se visualicen na Cámara as consecuencias na rúa das políticas do PP". Losada sinalou que as tres forzas da oposición veñen de emprazar a Rojo a que rectifique esa medida. De non facelo, afirmou, "actuaremos en consecuencia e este martes, no pleno de orzamentos, visualizarase esta posición conxunta". Preguntado sobre en que consistiría esa resposta, os tres voceiros declinaron concretala.

Losada: "O PP quer que non se visualice no Parlamento as consecuencias na rúa das súas políticas"

O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, sinalou que a decisión da presidenta do Parlamento supón "atentar contra o propio regulamento da Cámara que di que as sesións son públicos". Jorquera incidiu en que o Parlamento "non é propiedade do Partido Popular, é do pobo galego". Por iso, medidas como a do PP de arrogarse decidir que cidadán e cal non poden entrar no Parlamento é un "secuestro".

Jorquera: "Esta medida atenta contra o propio regulamento do Parlamento, que di que as sesións son públicas"

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras, de AGE, apuntou a que este tipo de decisións adoptadas por Pilar Rojo amosan "unha actitude grave: A cidadanía ou é a que está de acordo co PP ou ben é inimiga e hai que protexerse". Para Beiras, os populares converten a Cámara autonómica nun "castelo kafkiano" e a actitude de Pilar Rojo é máis propia, aseverou "dunha directora de reformatorio do século XIX que da presidenta dun Parlamento democrático".

Beiras: "A actitude de Rojo é máis propia da directora dun reformatorio que da presidenta dun Parlamento"

 A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, anunciaba a fins da semana pasada que se reservaba o dereito de xestionar o cupo de invitad@s que accederán de aquí en diante á Cámara. Anunciouno nun comunicado enviado aos grupos parlamentares apoiando a súa decisión nos incidentes acontecidos en decembro, cando un grupo de persoas afectadas polo calote das preferentes levou as súas protestas a un pleno ao que asistían como convidad@s. A policía agardába@s á saída para @s identificar.


Comentarios