VÍDEO

Pitos de Portugal, investigadoras "aterecidas" e un ataque de risa no Parlamento

O tenso debate que esta terza feira rematou coa aprobación dos Orzamentos para 2024 tivo tamén momentos de certa comicidade, como o protagonizado pola nacionalista Olalla Rodil e o popular Moisés Rodríguez Pérez.
Olalla Rodil, durante a súa intervención parlamentaria. (Foto: Parlamento)
photo_camera Olalla Rodil, durante a súa intervención parlamentaria. (Foto: Parlamento)

Frenética sesión a que se viviu esta terza feira no Parlamento da Galiza para aprobar os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano e comezar a despedir unha lexislatura cuxo fin está cada vez máis próximo. O pleno comezou ás 10 horas da mañá e proseguiu, de forma ininterrompida, até case as 21 horas. Os debates foron subindo o ton preelectoral, aínda que non só houbo momentos de tensión, senón tamén algún que outro 'ataque' de risa.

Non faltaron as referencias aos candidatos e candidatas das diferentes forzas políticas e mesmo a deputada socialista Patricia Otero animouse a corear "Bes-tei-ro, Bes-tei-ro", apelando ao parlamentario do PP José Manuel Balseiro a que o "repetise" con ela, porque vai estar proximamente neste Parlamento, dixo, e como "presidente da Xunta".

Ocorreu durante o debate dunha das catro mocións que se votaron no pleno, neste caso sobre os informes do Consello de Contas que cuestionan a rendibilidade da fórmula de peaxes na sombra. Todas as mocións foron rexeitadas cos votos do PP ao termo desta sesión.

Previamente, no marco doutro debate sobre as medidas no ámbito da ciencia e innovación que defende o BNG, a portavoz adxunta desta formación, Olalla Rodil, sufriu un ataque de risa na súa réplica ao deputado popular Moisés Rodríguez Pérez, quen citara a súa tía xa falecida para lembrar que acudía a Portugal a "comprar pitos" aos que logo puña unha bombilla "para mantelos en calor".

Aludindo ao propio tema que se estaba a debater, a carreira investigadora, Rodil reclamoulle ao PP que dese argumentos para rexeitar a iniciativa máis aló do que facía a súa "avoa" —referíndose en realidade á tía do deputado— e acabou ironizando con que, coas políticas da Xunta, os e as investigadoras van estar "máis aterecidas" que os pitos que "traía a súa avoa de Portugal", o que lle acabou por provocar un ataque de risa.

Boa parte do hemiciclo contaxiouse dun riso do que a nacionalista acabou por recomporse pasado polo menos un minuto. "O grao de surrealismo creo que non ten límites", continuou Rodil, que reclamaba motivos concretos para tombar a súa proposta para atallar o problema "dos posdoutorais que non atopan ningún contrato".

Comentarios