Formoso considera o discurso do rei "unha chamada á concordia"

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reivindicou a "chamada á concordia" do discurso do rei Felipe VI, "así como a reivindicación dos valores constitucionais no ano en que se cumpre o 45 aniversario da nosa Carta Magna".
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

"A Constitución ampara, garante e protexe dereitos que leis aprobadas por gobernos socialistas contribuíron a desenvolver e universalizar no noso país e que foron citados polo monarca, como a igualdade ou o acceso á sanidade, a educación e á vivenda", asegurou esta segunda feira Valentín González Formoso.

Tamén sostén que os socialistas coinciden co rei "na súa apelación ao respecto e lealdade entre institucións para evitar que o xerme da discordia instálese entre nós". "As institucións que nos representan a todos e todas non só deben cumprir o rol que encomendaron, senón respectar ao resto no seu labor", sostén Formoso, que, por outra parte, insta a Xunta da Galiza a "abandonar a política de confrontación".

Ademais, o dirixente socialista argumenta que "pór en dúbida a lexitimidade das institucións; sementar a crispación, a división e o enfrontamento, mesmo con graves descualificacións persoais, como vemos con demasiada frecuencia no ámbito político (da dereita e a ultradereita) nos últimos tempos, é prexudicial para a sociedade e para democracia do noso país".

Comentarios