Os socialistas lanzan un vídeo sobre ‘as dúas caras de Feixoo’

Formoso presenta ao PSdeG como alternativa de goberno para a Xunta

O secretario xeral dos socialistas galegos acudiu hoxe a Vilalba, onde insistiu en presentar ao PSdeG como alternativa ao PP.

Formoso Vilalba 030422 05
photo_camera Valentín González Formoso visitando a Feira do Queixo San Simón da Costa en Vilalba. (Foto:Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou hoxe aos socialistas galegos como alternativa de goberno a unha Xunta “ausente, máis preocupada pola sucesión de Feixoo que polos problemas reais do país” precisamente nun “momento crítico para Galiza”.

Partido de goberno

Formoso sinalou que os socialistas galegos queren “liderar a posibilidade de cambio de Goberno” demostrando que hai “outra forma de gobernar”. Así, na súa visita á Feira do Queixo San Simón da Costa en Vilalba, marcou, tamén, distancias co BNG, afirmando que “non é o partido das pancartas, nin o partido do non”.

O líder do socialistas presentou o PsdeG como un “partido afianzado nas institucións”, que demostra unha alternativa “de goberno”, como demostra a xestión nos concellos de Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo ou A Coruña, ou en Vilalba, un “lugar simbólico” que apostou “polo cambio logo de 30 anos de Goberno do PP”.

O máximo dirixente dos socialistas galegos contrapuxo “a ausencia do PP e do Goberno galego” coa proposta de “lanzar un decálogo básico” de medidas para que “a cidadanía galega poida entender cales son as nosas prioridades”.

Formoso quixo “manifestar o apoio do PSdeG e a lectura que fai do sector leiteiro e de toda a cadea agroalimentaria do país como un sector estratéxico”, que “supón 2% do PIB da Galiza, e que produce máis da metade do leite de todo o Estado”.

As dúas caras de Feixoo

O PSdeG vén de lanzar  nas súas redes sociais un vídeo centrado nas “dúas caras” de Feixoo, contrastando a imaxe de moderación do aínda presidente da Xunta coa realidade das súas declaracións máis recentes.

Os socialistas significan que “o vídeo sinala a contradición entre a imaxe de moderación e a xustificación do pacto coa ultradereita, as ofensas contra o Goberno central ou as saídas de ton en materia de violencia machista”.

O vídeo aféalle a Feixoo os seus acordos coa extrema dereita e, moi particularmente, do apoio do aínda mandatario galego ao acordo entre os populares e Vox en Castela e León.

Comentarios