O PSdeG-PSOE reuniu este sábado a súa Executiva en Santiago de Compostela

Formoso presenta ao PSOE como unha “unha alternativa fiábel” fronte a unha “Xunta ausente”

O PSdeG-PSOE xuntou este sábado en Santiago de Compostela á súa comisión Executiva para analizar a situación “extraordinaria” que padece Galiza e formular unha alternativa diante dunha “Xunta ausente”.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aspira nas primarias a liderar o PSdeG (Foto: Nós Diario)
photo_camera O scretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. (Foto:Nós Diario)

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, denunciou, ao comezo da reunión deste sábado da Executiva dos socialistas galegos, a falla de atención dos populares aos problemas da Galiza e lembrou que a Xunta “esta fin de semana volve deixar a Galiza sen Goberno, ao igual que nos últimos días, con ningún conselleiro de garda”.

O máximo responsábel do PSdeG significou que  “diante da situación extraordinaria que está a sufrir o país convocamos á Executiva do PSdeG”, formación á que presentou como un “partido que quere liderar Galiza, que se ofrece co humildade para gobernar o país”. 

Formoso explicou que “estamos activando as áreas estratéxicas para ofertarlle a Galiza un proxecto que con contundencia poida liderar a resposta ás necesidades da sociedade galega a curto prazo”.

“Se o PP non está disposto a gobernar Galiza, hai un partido que o sabe facer, con fonda tradición de gobernar as institucións, que non vén esnaquizar nada, que non ven facer prácticas de Goberno”, continuou Formoso, quen destacou que o seu partido  “está activando o seu decálogo de medidas”.

“Calquera veciño que percorra Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol ou Lugo sabe perfectamente quen é o PSdeG, que é sempre unha alternativa fiábel, a que busca finalmente a sociedade galega”, reflexionou Formoso, quen incidiu que a súa organización xa “goberna 62% da poboación galega”

A marcha de Feixoo

O líder dos socialistas galegos afeou a Feixoo que se presentase ás eleccións galegas “anunciando Galiza, Galiza, Galiza”, mais que “a súa resposta de verdade é Madrid, Madrid, Madrid”, un “escenario que os galegos e galegas non contemplaron cando votaron”.

O dirixente do PSdeG criticou ao aínda presidente galego por deixar unha Galiza que “non hai quen goberne”, porque levan “semanas máis preocupados de obter representación no PP” a nivel do Estado.

Formoso apostou por “amosar a faciana máis construtiva, máis comprometida co seu país e co seu proxecto que se chama Galiza” do PSdeG e defendeu que “Galiza precisa dun Goberno efectivo, comprometido e que funcione, que o seu único obxectivo sexa o país”.

Comentarios