O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considera que non será fácil que a Galiza colla "impulso" cunha Xunta na que "se cambian tan poucas caras", en alusión á nova composición do Goberno galego.
Con todo, asegura que os socialistas lle darán "unha marxe de confianza" e tenderanlle a man ao novo Executivo, liderado por Alfonso Rueda.
"Por encima de todo tenderémoslle a man, porque entendemos que por encima de intereses partidistas están os intereses da Galiza", destacou o socialista en Ponteceso tras facerse público o novo equipo da Xunta da Galiza.
O novo presidente, Alfonso Rueda, nomeou este sábado o seu primeiro Gabinete, no que ascende a Francisco Conde, que manterá as áreas económicas, a vicepresidente primeiro.
Ademais, Diego Calvo entra como vicepresidente segundo e herda as funcións que tiña o máximo mandatario autonómico até a marcha de Alberto Núñez Feixoo.
O resto das consellarías permanecen sen cambios, quitando algunha nova denominación ou o traslado das competencias de Turismo, que pasan a depender directamente da Presidencia.
González Formoso pediulle a Rueda que colla a nova etapa "con impulso e con ansias de cambio de ritmo", e ao novo Goberno "compromiso" coa Galiza e que estea "á altura" dos galegos e dos retos actuais que deberá afrontar, nun contexto socieconómico "moi difícil", recoñeceu.