Diego Calvo entra no Executivo de Alfonso Rueda como vicepresidente segundo

O novo presidente da Xunta mantén o equipo de Goberno de Feixoo, ascende a Francisco Conde a vicepresidente primeiro e cede as súas funcións como conselleiro a Diego Calvo, que tamén asume a vicepresidencia segunda.
Diego Calvo con Alfonso Rueda este sábado no acto de toma de posesión (Foto: PPdeG)
photo_camera Diego Calvo con Alfonso Rueda este sábado no acto de toma de posesión (Foto: PPdeG)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nomeou este sábado o seu primeiro Gabinete, no que ascende a Francisco Conde, que manterá as áreas económicas, a vicepresidente primeiro. Ademais, o coruñés Diego Calvo entra como vicepresidente segundo ─como xa adiantara Nós Diario o pasado 13 de abril─ e herda as funcións que tiña o máximo mandatario galego até a marcha de Alberto Núñez Feixoo.

Ademais de manter o modelo de dúas vicepresidencias, Rueda decidiu que continúen os titulares de todos os departamentos que até o de agora sentaban ao seu lado no Consello da Xunta presidido por Feixoo.

Si haberá axustes no organigrama e, como se daba por feito, Turismo pasa a depender da Presidencia da Xunta, como mostra da "prioridade" que supón esta área para a década Xacobea.

En materia económica, a Vicepresidencia primeira será a encargada de coordinar toda a acción do Goberno neste eido, así como a política industrial. Como curiosidade, Conde recupera na nomenclatura da súa consellaría o título de Industria, que desaparecera ao comezo da lexislatura.

Ademais, segundo destaca a Xunta nun comunicado, no novo organigrama evidénciase a aposta pola xuventude e a formación profesional, incluíndo as súas denominacións no nome das súas respectivas consellarías. Así, a de Cultura pasará a denominarse Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, mentres que a de Política Social recibe agora o nome de Política Social e Xuventude.

A mellor compañía

O propio Alfonso Rueda, unha vez tomen posesión do seu cargo esta segunda feira, amosouse satisfeito e convencido de que os conselleiros e conselleiras elixidos son "a mellor compañía para esta nova etapa".

"Coñezo ben de perto o traballo de todos e todas. Sei que son a mellor compañía para esta nova etapa. Hai camiño e hai equipo. Seguimos", remarcou Rueda na mesma xornada na que asinou o decreto polo que se estabelece a estrutura dos órganos de Goberno da Xunta e que tamén sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Comentarios