Pontón chama a Rueda a non perder "nin un minuto" en tomar medidas fronte á crise

A portavoz do BNG anunciou que trasladará por escrito ao novo presidente da Xunta un paquete de medidas "prioritarias" para darlle solucións aos problemas que ten a cidadanía do país.
A portavoz do BNG, Ana Pontón, durante o debate investidura (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, durante o debate investidura (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que hoxe toma posesión o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Goberno galego non pode "perder nin un minuto" nas tarefas executivas. Neste sentido, anunciou que trasladará por escrito e, entre outras vías, polo rexistro do Parlamento, un paquete de medidas "prioritarias" con catro eixos estratéxicos.

En declaracións aos medios no exterior do Pazo do Hórreo antes da toma de posesión, Pontón apuntou que, en primeiro lugar, hai que "facerlle fronte á crise de prezos".

Para iso, sinalou  hai que incrementar as pensións e a Risga e facela complementaria co ingreso mínimo vital, aumentar as axudas para os gastos de vivenda e baixar peaxes das autoestradas e un paquete de medidas urxentes para os sectores produtivos e que máis están a sufrir esta crise, cunha dotación como mínimo de 700 millóns de euros.

"Atender ao colapso da atención primaria, un novo modelo de residencias que pague a débeda que temos coas persoas maiores e, por último, parar o bum eólico depredador e pór en marcha un novo modelo no que a enerxía da Galiza se poña ao servizo do país", expresou.

En canto ao segundo dos asuntos, unha dotación de 200 millóns de euros para "garantir o dereito á saúde". En canto ao terceiro ámbito, Pontón quere que as sete residencias que se están proxectando nas cidades galegas "sexan de xestión pública directa".

"Estamos nun momento no que o Goberno non pode perder nin un minuto máis e queremos deixar claro as propostas que imos remitir desde o BNG ao Goberno do PP, para que se poña a traballar, para darlle solucións aos problemas que ten a cidadanía deste país", sentenciou.

Comentarios