Sete formacións presentan candidatura o 26X en todas as circunscricións de Galiza

Un total de 35 listas ao Congreso e Senado, de 12 opcións políticas concorrerán a estas eleccións.

Papeletas

Os electores galegos poderán elixir o vindeiro 26X entre 12 opcións políticas, que presentaron 35 listas ao Congreso e outras tantas ao Senado. Un número inferior ás 42 listas que foron proclamadas para as Cortes españolas nas eleccións do pasado 20 de decembro. Destas 12 opcións só 7 presentan candidatura en todas as circunscricións galegas: PP, PSdeG, BNG, En Marea, Ciudadanos (C's), Recortes Cero e o Partido Animalista. As baixas máis significativas son as de UPyD, que só concorrerá en Pontevedra, e a de Partido da Terra, que non se presenta en ningunha.

Na Coruña presentan lista ao Congreso e ao Senado as sete formacións comúns en todas as circunscricións, xunto con Solidariedade e Autoxestión Internacionalista (Sain), Comunistas da Galiza e Vox. Caen, a respeito do 20D, UPyD e Partido da Terra. En Pontevedra, ás 7 que se presentan en todo o país, engádense Comunistas de Galiza e aparece Escanos en Branco, que non o fixo o 20D.

Como novidade, en Ourense aparece Comunistas da Galiza, que non concorrera o 20D, mentres que caen da carreira cara ás urnas UPyD, Partido da Terra e Pola Esquerda. Finalmente en Lugo, concorrerán as 7 que tamén o fan nas outras 3 circunscricións. Non o fan desta volta, mais si o fixeron o 20D, Partido da Terra, Comunistas de Galiza e UPyD.

Comentarios