Xustiza

A Fiscalía abre dilixencias penais a Xácome tras a denuncia por suposta malversación de ex compañeiros de DO

No escrito tamén se fan recensións de declaracións de Xácome nas que di que "o diñeiro do grupo municipal gástase no que eu considero" ou que "o provedor son eu e é lóxico que mo quede", así como que "o investimento de DO en Auria TV, que son eu, facémolo porque somos máis listos e máis hábiles".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).

A Fiscalía vén de abrir dilixencias de investigación penal ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, tras rexistrar unha denuncia por suposta malversación de fondos públicos interposta por ex compañeiros do seu partido, Democracia Ourensá, e agora presentada pola Coalición de Centro Democrático (CCD). A denuncia foi presentada o 5 de decembro de 2023 ante a Fiscalía, que agora investigará o sucedido para dirimir se hai unha posíbel responsabilidade penal pola denuncia presentada por incompatibilidade do posto de alcalde con outros ingresos.

Segundo recolle o texto da denuncia, Coalición de Centro Democrático pediu investigar un suposto delito continuado de malversación de fondos públicos, en relación a que o rexedor estaría "compaxinando a súa actividade profesional e o soldo público a propósito da súa incompatibilidade". No escrito arguméntase, sobre a base do artigo 13 do real decreto 2568/1986 do 28 de novembro de entidades locais, que no caso de que un concelleiro con dedicación exclusiva teña outras ocupacións "marxinais" remuneradas "requirirase unha declaración formal de compatibilidade por parte do pleno".

Aliás, explica que o propio alcalde é coñecedor desta cuestión, debido a que levou unha moción ao pleno do 26 de xaneiro de 2022 que se debateu e aprobou —con votos da oposición— a petición para que renunciase ao seu soldo debido á "incompatibilidade profesional". Os denunciantes apuntan que, "a propósito de que é incompatíbel a súa actividade profesional e o seu soldo como alcalde", o 14 de xullo de 2021 presenta no concello que non conta con "ningún" suposto de posíbel incompatibilidade.

Na denuncia explícase, na mesma liña, que os ingresos profesionais que devindica o rexedor veñen determinados "polas facturas que emite o partido", Democracia Ourensá, en concepto de "publicidade e traballos varios", que, segundo os denunciantes, "fanse efectivos directamente coas achegas do grupo municipal".

No escrito tamén se fan recensións de declaracións de Xácome nas que di que "o diñeiro do grupo municipal gástase no que eu considero" ou que "o provedor son eu e é lóxico que mo quede", así como que "o investimento de DO en Auria TV, que son eu, facémolo porque somos máis listos e máis hábiles".

Así as cousas, e tras advertir resolucións "arbitrarias" para as subvencións do seu grupo municipal, os denunciantes pediron a Fiscalía a admisión da denuncia para "prover o procedente par á máis pronta administración de xustiza, xa que a conduta desenvolvida polo señor Xácome transita polos camiños da ilegalidade suxeita ao escarmento penal".

Nos documentos adxuntos da denuncia inclúese a mencionada moción, na que se fai mención a un soldo no ano 2019 de 34.191,95 euros e, como actividade privada, segundo as contas presentadas polo Tribunal de Contas que facturou o partido político Democracia Ourensá e ao seu grupo municipal, 83.401,57 euros.

Comentarios