Fernández-Tapias, presidenta do PP vigués, deixará a política local "tras gañar as eleccións e con Rueda de presidente"

“Aposto pola miña vida persoal e iso correspóndeme a min”, afirma nunha mensaxe de X a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra.

Marta Fernández-Tapias encabezou a lista do PP en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Fernández-Tapias encabezou a lista do PP en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A presidenta do PP de Vigo, portavoz municipal e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, confirmou esta sexta feira que deixará a política local tras as eleccións galegas do 18 de febreiro.

Cunha concisa mensaxe na rede social X, Fernández-Tapias confirmou que, tras os comicios galegos, iniciará "unha nova etapa”. "Aposto pola miña vida persoal e iso correspóndeme a min", expón na súa mensaxe.

 

A portavocía de Fernández-Tapias chegou en 2021, nun momento de clima de división interna no PP de Vigo. A súa candidatura, apoiada polo sector máis próximo ao presidente galego, Alfonso Rueda, e ao se predecesor, Alberto Núñez Feixoo, venceu por 68 votos á do seu contrincante, Javier Guerra, entre acusacións de ter inflado o censo de afiliación. A presidenta do PP de Vigo estaba chamada a frear tanto a división interna no partido como a “sangría” de votos dos populares na cidade olívica, tras pasar de 13 edís en 2011 a 4 en 2019.

O seu nome soaba tamén entre as principais candidatas do Partido Popular para presidir a Deputación de Pontevedra, logo de que PSOE e BNG perderan nos comicios de 2023 os mandos da entidade provincial. Con todo, a presión das Alcaldías populares do interior fixo a Luís López ‘Lugués’ gañador, ficando Fernández-Tapias coa Vicepresidencia, que agora tamén deberá abandonar, ao ir ligado o cargo á súa acta de edil.

“Ausencia de interese por Vigo”

Tapias censurou tamén que fose o PSdeG o que se adiantara para dar a coñecer esta decisión, cunhas declaracións da vicesecretaria xeral do partido en Vigo, Yolanda Aguiar, remitidas aos medios e nas que afeaba a marcha de Fernández-Tapias por "intereses afastados do que significa Vigo".

“Despois das eleccións galegas, a responsábel e candidata do Partido Popular de Vigo, a señora Fernández-Tapias, abandonará a política local”, adiantaba Aguiar nunha mensaxe de audio. “Nunca tivo a Vigo entre as súas prioridades e, desde logo, esta decisión non vén máis que a confirmar a ausencia total de interese da señora Fernández-Tapias e do Partido Popular de Vigo por esta cidade e pola súa cidadanía. Os intereses da señora Tapias son outros”, criticaba a vicesecretaria xeral do partido en Vigo, para a continuación facer referencia á “enésima crise interna” dos populares vigueses.

“Líos, internos, problemas orgánicos, división, excisións, iso é ao que se dedica o Partido Popular de Vigo”, critica Aguiar.

"Moi mal lle ten que ir ao PSOE para isto. Do que toca falar é do futuro da Galiza. Non respectan nada nin a ninguén. Aposto pola miña vida persoal e iso correspóndeme a min", sinalou a aínda presidenta do PP vigués en X. "Efectivamente, abrirei unha nova etapa tras gañar as galegas ao PSOE en Vigo e con Rueda de presidente", conclúe a súa mensaxe.

“Sen proxecto” para Vigo

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, sen entrar a valorar “nin as decisións, nin as crises internas doutras organizacións políticas”, quixo lembrar que “que o PP non tiña proxecto para Vigo non é ningunha sorpresa”.

 

Nunha mensaxe na rede social X do concelleiro, o nacionalista criticou que os populares “levan moitos anos limitándose a actuar como franquicia xustificando as políticas de castigo e abandono que aplicaron desde a Xunta, antes Feixóo e agora Rueda, en contra das viguesas e dos vigueses”. “O importante non é a onde marche a señora Tapias, senón que o voto decisivo de Vigo vai lograr desaloxar a Rueda da presidencia da Xunta”, concluíu Igrexas.

Comentarios