28-M

Rueda confía en Fernández-Tapias e asegura: "O domingo empeza o cambio, hai candidata e ilusión"

"Vótase botar aos do 'caso cuñada' da Deputación, á man dereita do alcalde e número dous do PSOE na nosa cidade", dixo a candidata.
Marta Fernández-Tapias e Alfonso Rueda, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Fernández-Tapias e Alfonso Rueda, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O presidente do PP na Galiza, Alfonso Rueda, elixiu esta sexta feira Vigo como un dos escenarios centrais para pór o broche a unha campaña que desembocará nas eleccións municipais do domingo. E nunha praza difícil para os populares, cun alcalde, o socialista Abel Caballero, con ampla maioría absoluta, Rueda lanzou unha mensaxe "clara": "O cambio empeza o domingo". Pero para iso o seu partido ten que ter o apoio de quen o vota "noutras eleccións".

"Agora máis que nunca está en xogo o futuro de Vigo, da Galiza e España. Iso vótase aquí. A mensaxe é clara: a toda esa xente que nos vota noutras e non nestas hai que dicirlles que estamos preparados para que volvan confiar en nós. Eu o primeiro, como responsábel do partido na Galiza", proclamou durante o mitin da cidade olívica.

Após a intervención do presidente provincial, Luís López, e antes de que a candidata en Vigo, Marta Fernández-Tapias, subise ao escenario, Rueda admitiu que os populares cometeron "erros". "Aprendemos? Máis nos vale, e eu creo que si", esgrimiu un líder popular que ironizou con que en Vigo "xa non se pode facer política nin sendo do PSOE", en referencia a que agora Caballero "non quere ministros" pola urbe e busca que "non se saiba" que os seu votos "vainos apuntar [Pedro] Sánchez".

De feito, a pesar da "obsesión", que atribuíu ao alcalde de tentar "separarse" do presidente do Goberno, Rueda concluíu que "cada vez se parece máis a Sánchez". No polo oposto, pediu "a confianza" para os populares e ofreceu "apertura" fronte a "cerrazón". "Quero o Vigo que vén, que a cidade se encha de aire fresco. O domingo empeza o cambio. O domingo vai soprender. Hai candidata e ilusión. Pódese cambiar", proclamou.

Antes, o tamén titular da Xunta queixouse dun dobre discurso que atribuíu a Caballero, caracterizado por "alfombra vermella" cando se fala cos medios de comunicación e "paus, negativas e perder oportunidades" cando se trata de estabelecer un diálogo entre administracións. Tamén a candidata fixo fincapé neste extremo, na súa quenda de intervención, preguntándose "cantos trens van pasar por diante só porque unha persoa non quere subir".

Finalmente, o líder popular non escatimou en eloxios para o equipo popular en Vigo e Fernández-Tapias, unha cabeza de cartel "valente" e que "deu a cara" a pesar dos "desplantes" e a "mala educación" que recibiu por parte, dixo, dos seus rivais políticos. E após afear que Caballero faga campaña "noutros concellos" —os populares suxiren que para tratar de reter a Deputación, en mans dos socialistas—, garantiu aos seus que "o PSOE vai baixar en apoios". "Non teñades dúbida", agregou, despois de apuntar: "Ai dos soberbios e benaventurados os humildes!".

"Vótase botar aos do 'caso cuñada' da Deputación, á man dereita do alcalde e número dous do PSOE na nosa cidade", apostilou Fernández-Tapias. A candidata tamén pediu aos seus veciños "a oportunidade" de demostrar que o PP está "á altura". Ofreceu a vitoria do "optimismo" e do "si" fronte a un alcalde que se debate entre "a negación" e o "personalismo". "Pasa do non, non, non ao eu, eu, eu", advertiu.

Paseo por Pontevedra

Antes de recalar en Vigo, e despois de pasar por Ordes e Sanxenxo, Rueda apostou pola súa cidade natal para apoiar na franxa central do día o seu candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, con quen deu un paseo polo centro da urbe. En Pontevedra, Rueda reivindicou que Domínguez representa "unha nova xeración" chamada a protagonizar o cambio "fronte a políticos do século XX cun modelo esgotado".

"Este domingo só hai dúas opcións: ou continuísmo, seguidismo e o cansazo dun Lores que xa leva 24 anos de alcalde, ou a iniciativa e as ganas do PP", apuntou, pola súa banda, o candidato popular.

Comentarios