Feixoo ve necesario "seguir defendendo" a Constitución "sen complexos"

O xefe do Goberno galego participou en Madrid dos actos polo 43 aniversario da Constitución, onde dixo estar preocupado polo "enorme protagonismo político" de partidos minoritarios que traballan "en contra das maiorías".
O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ve necesario "seguir defendendo" a Constitución e "ter forzas políticas maioritarias que non teñan ningún complexo" en proclamar que se senten "orgullosas" da transición e do "autonomismo constitucional" que practica a Galiza, remarcou.

O xefe do Executivo galego participou en Madrid dos actos polo 43 aniversario da Carta Magna, onde se referiu ao comunicado conxunto emitido por varios partidos críticos coa Constitución, entre eles o BNG.

Convencido de que "calquera país" asinaría unha transición á democracia como a que tivo España, reiterou o seu "orgullo" por todos os políticos que fixeron posíbel a transición e a Constitución, incluído o Partido Comunista de entón, cuxos dirixentes osn para el, dixo, "mestres da política".

En fronte, constatou que hai partidos "minoritarios" que traballan "contra as maiorías", pero salientou que máis preocupante que iso resulta "que eses partidos teñan un enorme protagonismo na vida política española, condicionen o Goberno de España e, mesmo, aproben as leis que afectan a todos".

Así, ademais de reivindicar a necesidade de que as forzas "maioritarias" sigan defendendo a Constitución, destacou que nesta xornada conmemórase "a mellor etapa vivida nos últimos séculos en España" grazas ao "texto que garante esa etapa de prosperidade, benestar e liberdades".

Para Feixoo, a Constitución é tanto como "os cimentos sólidos da sociedade democrática española". "Algo que non se ve, pero sen o cal non se poderían seguir construíndo espazos de prosperidade, progreso e liberdade", describiu.

"Son eses cimentos que hai que manter, conservar e pór en valor. Iso que non se ve é o máis importante sobre o que se constrúen os edificios democráticos", agregou.

O "populismo, fóra das institucións

Feixoo lembrou que a Constitución fai 43 anos e que o Estatuto da Galiza conmemora o seu 40 aniversario. Neste sentido, asegurou estar "moi satisfeito como galego" de que "o populismo non entre a dirixir" o territorio galego nin conseguise oco "nas institucións democráticas" galegas.

Ao seu xuízo, "é un signo de madurez do pobo galego, un pobo sosegado que reflexiona e toma decisións", na súa opinión, "adecuadas".

"É o momento de que os galegos poñamos en valor a Constitución española porque lamentabelmente gobernan en España partidos que non cren na Constitución e que non queren acatala. Por iso, é bo pór en valor os demócratas, o autonomismo constitucional e a España das liberdades, que se cimentan no texto constitucional", resolveu.

Comentarios