Feixoo enxalza os últimos 40 anos para o galego

O 40 aniversario do Estatuto de Autonomía centrou o discurso do presidente galego no acto institucional polo 17 de maio. Catro décadas que cualificou dun "novo rexurdimento" catalizado polo idioma, sen mencionar os últimos informes que amosan que a porcentaxe de galegofalantes foise reducindo nese mesmo período.
Alberto Núñez Feixoo no acto de homenaxe a Xela Arias en Vigo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo no acto de homenaxe a Xela Arias en Vigo (Foto: Xunta da Galiza)

A celebración dos 40 anos do actual Estatuto de Autonomía da Galiza foi o fío condutor do discurso que pronunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, no acto institucional polo 17 de maio e que transcorreu  en Vigo, no instituto Castelao, onde a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, Xela Arias, cursou parte dos seus estudos. 

"Unha feliz casualidade quere que este Día das Letras se celebre coincidindo co 40 aniversario da Autonomía", dixo Feixoo, asegurando que "a democracia galega nace hai catro décadas repleta de intencións reformadoras que en moitos casos se cumpriron e noutros iniciaron".

Calquera comparación, considerou, "que poidamos facer entre a Galiza dos 80 e a Galiza dos nosos días, en calquera sector ou actividade, ofrece un balance que permite falar dun milagre cuxa autoría corresponde ao pobo da Galiza". Así, considerou que no novo "rexurdimento" do país co estatuto "a lingua é o gran catalizador". 

Porén, Feixoo optou por non reparar nas tarefas pendentes na normalización lingüística e nin se referiu á continua perda de galegofalantes nas últimas décadas que amosan os datos recollidos polo informe da Real Academia Galega (RAG), publicado a finais de abril. 

Precisamente, e fronte aos últimos 40 anos dese "novo rexurdimento" catalizado polo idioma, que debullou Feixoo, o informe da RAG amosa que a porcentaxe de galegofalantes foise reducindo nas últimas décadas, cuestión que o estudo ilustra co Mapa Sociolingüístico da Galiza realizado en 1992, en que indicaba que arredor de 70% da poboación falaba habitualmente galego, mentres que a última enquisa realizada polo Instituto Galego de Estatística (2018) recolle unha estimación de galegofalantes habituais de 55% (15 puntos menos en 30 anos).

Un proceso que compromete o futuro do galego, cunha evolución da porcentaxe de galegofalantes habituais entre 1992 e 2018 entre a mocidade de 15 a 29 anos que pasa de 56% a inicios dos 90 a 37% en 2018.

Tampouco fixo referencia Feixoo ao dato do informe que alerta de que 35% do estudantado castelanfalante remata a ESO con escasas competencias en galego

Comentarios