Feixoo rexeita as propostas para crear un concerto económico galego

Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento da Galiza)
Hai consenso en que o actual modelo de financiamento autonómico non serve. Porén, non hai acordo nos camiños para melloralo nin nas metas. Mentres Feixoo prefire dirimir a cuestión con oito presidentes rexionais, Pontón sinala o Parlamento como o foro de debate e aposta pola autonomía fiscal e o concerto económico.

O modelo de financiamento da Galiza e a reactivación económica centraron as preguntas da oposición na Cámara galega nunha tensa sesión de control ao Executivo, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, se fechou en banda á idea dun concerto económico para a Galiza e reprendeu o BNG por propolo. 

O pleno decorreu marcado polo anuncio que realizou Feixoo hai dúas semanas sobre a realización dunha cimeira en Santiago para estabelecer liñas dun novo modelo de financiamento autonómico e no que participarán o vindeiro 23 de novembro oito mandatarios: A Galiza, Asturies, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Aragón e Cantabria. 

Con este contexto de fondo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu no pleno que debe ser o Parlamento o foro onde se defina un novo modelo de financiamento que supere o actual sistema, “caduco desde 2014 e que fai perder miles de millóns de euros ás galegas e galegos cada ano”.

Nese sentido, Pontón interpelou Feixoo para “que deixe de aboar a falsa idea da Galiza pobre” que “precisa da xenerosidade” do Estado. Ao contrario, o Bloque considera que "é o Estado quen fai caixa cos impostos das galegas e galegos" e sinala que no último exercicio liquidado (2019), a Galiza achegou 13.212 millóns de euros e obtivo polo actual modelo de financiamento 8.142 millóns, o que supón unha diferenza a favor do Estado de 5.070 millóns.

Así, Pontón propuxo "un concerto económico, como o que ten Euskadi ou Nafarroa, que nos dea a chave dos nosos cartos, que nos permita decidir desde aquí sobre o noso e despois facer contas co Estado sen discriminacións”.

Porén, "consciente" das "ataduras" de Feixoo, dixo, e prevendo a súa negativa ao concerto, tamén propuxo medidas para "ir avanzando" en autonomía fiscal: ampliar a porcentaxe de impostos cedidos até 90%, IVE e IRPF, o que suporía 4.000 millóns adicionais cada ano. Igualmente, reclamou a cesión do Imposto de Sociedades; que tributen na Galiza as empresas que teñen actividade produtiva no territorio galego, como as eléctricas, e apostar por unha fiscalidade verde.

Un "harakiri" financeiro

"Non me pida que prexudique a Galiza. Nunca vou facer o harakiri só polo seu ideario ideolóxico raquítico e desde o punto de vista económico disparatado", espetou Feixoo en resposta a Pontón. "Un concerto económico", dixo, "sería prexudicial e un disparate".

No medio do debate, o mandatario avogou por revisar no financiamento autonómico o peso do gasto pola idade da poboación, engrosado pola dependencia, e en educación ter conta o padrón e a gratuidade das escolas infantís. Tamén apelou á necesidade de que o Estado reforme o financiamento autonómico sinalando datos como que a poboación maior de 65 anos na Galiza é 25,7%, fronte a 19% de media estatal, ou que a Galiza ten 14% dos centros de saúde, aínda que só 6% da poboación do Estado. 

O PSdeG suspende a Xunta en reactivación

O dirixente socialista, Gonzalo Caballero, afirmou no pleno que o Goberno galego "suspende en tres ámbitos": servizos públicos, modernización da economía e "sobre todo, en políticas de emprego". 

O líder do PSdeG amosouse "preocupado" por que "cos orzamentos máis expansivos", a Xunta recorta en Atención Primaria e "despide centos de profesionais sanitarios e de docentes contratados de reforzo pola pandemia, que son necesarios e precisan contratos estábeis”. E mentres, o socialista contrapuxo que no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022 “sobe 6,7% o gasto en asesores do PP”.
O voceiro do PSdeG reclamou a Feixoo que “priorice o gasto público fronte aos recortes”, nun momento en que “o impulso da esquerda, co Goberno progresista de España á cabeza, promoveu en Europa un novo Plan Marshall” que dá aos Gobernos a posibilidade de “apostar por políticas keynesianas”.

Feixoo negou as acusacións de recorte de profesorado e persoal médico á que aludiu Caballero e afirmou que "hoxe o noso obxectivo é manter 80% de todo o persoal sanitario contratado na pandemia".

Noutro momento, criticou que Feixoo “repita o mantra da baixada de impostos”, unha cuestión que pode aprobar, dixo o socialista, "debido aos fondos extra que veñen do goberno de España".

Ana Pontón desvela hoxe o seu futuro á fronte do BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa esta quinta feira, 28 de outubro, en relación ao período de reflexión persoal que abriu en agosto sobre o seu futuro no liderado do Bloque. "Agora estamos a liderar a oposición, o que queremos é liderar a Xunta. Por tanto, estamos na recta final", dixo na pasada segunda feira. Este sábado o Consello Nacional do BNG ten previsto propor unha candidatura para renovar o organismo na Asemblea Nacional que realizará o próximo 7 de novembro na Coruña. Todo apunta a que Pontón revelará hoxe que está disposta a liderar o BNG e que aspira a gobernar Galiza.

Quen tamén ten cita coa militancia para elixir líder é o PSdeG. O actual dirixente, Gonzalo Caballero, e o presidente da Deputación da Coruña, González Formoso, debaten na noite da cuarta feira, 27 de outubro, sobre os seus postulados no último tramo da carreira pola secretaría xeral do partido.