Ana Pontón abre un "período de reflexión" de cara á asemblea do BNG

A portavoz nacional salienta que este é "o BNG máis forte da súa historia", e afirma sentirse "moi apoiada por todo o mundo" dentro da forza política.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, celebrando o Día da Patria en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, celebrando o Día da Patria en Compostela (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou esta mañá en rolda de prensa a apertura dun "proceso de reflexión" para analizar cal será o seu papel na formación frontista após a XVII asemblea que decorrerá o vindeiro 7 de novembro.

"Abro este proceso de reflexión con toda a normalidade, para analizar neste momento cal é a achega que eu debo facer", dixo, ao tempo que asegurou sentirse "moi apoiada por todo o mundo dentro do Bloque".

O BNG "máis forte da súa historia"

Pontón explicou que a vindeira asemblea producirase "nunhas circunstancias moi diferentes das dúas últimas [en febreiro de 2016 e marzo de 2017]", xa que o BNG "remata un ciclo político" que se iniciara daquela coa "resistencia, a consolidación e finalmente o despegue" do partido.

"Hoxe o Bloque é o máis forte da súa historia. Unha organización que medra, con presenza municipal, con gobernos que son referencia e cun incremento do apoio social e electoral como resultado dun traballo intenso", salientou.

Neste senso, agradeceu o "compromiso imprescindíbel" da militancia e das persoas simpatizantes, e reivindicou unha "liña política que conseguiu conectar e situar o nacionalismo como alternativa de goberno".

Aliás, apostou por unhas "bases sólidas para enfrontar con garantías de éxito" un obxectivo "de primeira magnitude" como é prepararse para gobernar a Xunta "desde a presidencia".

"Non rexeitou presentarse á reelección nin moito menos"

Fontes da formación nacionalista consultadas por Nós Diario confirman que Pontón deu conta da apertura desa reflexión no primeiro encontro que mantivo a Executiva nacional do BNG para abordar o inicio do curso político. "Dixo que quería determinar que é o mellor para o partido e para ela mesma, en que medida pode seguir contribuíndo ao desenvolvemento do proxecto, mais non rexeitou presentarse á reelección nin moito menos", sosteñen.

Malia non marcar ningunha data concreta para anunciar a súa continuidade á fronte do proxecto, si sinalou que o resolverá "antes" do prazo que fixa a asemblea para a presentación de candidaturas. Porén, segundo puido saber Nós Diario, non se valora ningunha alternativa á candidatura de Pontón

"Non hai que dar nada por sentado nin na vida nin na política, que os logros hai que conquistalos cada día. Hai que pensar as decisións e actuar con valentía, sopesando os pros e os contras e pensando con rigor, seriedade e logo traballar sen ningún desalento, con todo o ánimo e toda a forza", reiterou, para argumentar que é unha persoa "reflexiva" á que non lle gusta "actuar desde a rutina senón desde a reflexión".

Comentarios