“Galegofobia” e “clasismo”: BNG leva ao Congreso o rexeitamento do uso pexorativo da "Galiza profunda"

A formación nacionalista reclama ao Goberno do Estado que declare caduca a concesión da AP-9 e a devolución dos importes pagados en portaxes desde 2013

O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)

O deputado do BNG, Néstor Rego, anunciou esta cuarta feira o rexistro dunha iniciativa e o impulso dunha declaración institucional no Congreso para rexeitar o uso pexorativo de "Galiza profunda" empregado nunha sentenza en Marbella nestes días.

Rego explicou que se procura o apoio do resto de grupos para eliminar a  “galegofobia”, o “clasismo” e a vulneración de dereitos fundamentais.

Esta proposta, segundo anunciou Rego, trasladarase ao resto de grupos políticos para conseguir o seu apoio. Lembra que unha declaración similar, a iniciativa do BNG, foi apoiada por unanimidade na cámara galega co apoio de PP e PSOE. "Estamos a falar dun prexuízo que é especialmente grave se é empregado para  conculcar dereitos dunha persoa" explica o deputado do BNG.

Neste sentido, tamén anuncia o rexistro de preguntas ao Goberno do Estado para que teña unha posición sobre esta cuestión, particularmente sobre que accións levará a cabo para garantir "que ningún cidadán e cidadá do Estado español é discriminado en función de onde reside, en que País ou se o fai nunha zona rural ou urbana

AP-9

O deputado nacionalista avanzou unha “nova ofensiva” para reclamar ao Goberno do Estado o rescate da AP-9, tras os informes da UE e a Comisión Galega da Competencia, e a devolución os importes pagos ilegalmente desde 2013.

Considera un abuso manter a AP-9 como unha autoestrada de peaxe até o 2048. "A concesión tería que acabar no 2013 pero foi prorrogada primeiro por un Goberno socialista, de Felipe González, durante 10 anos e posteriormente por un Goberno do Partido Popular, o de José María Aznar durante 25 anos" lembra Rego.

"Foron ilegais porque non se respectaron os principios mínimos de concorrencia e, por tanto, está autoestrada atópase agora en mans privadas e cobrando peaxes de forma irregular" denuncia o deputado do BNG.

 Neste sentido, a formación reclama ao Goberno do Estado que declare "caducada a concesión e recupere a totalidade dos importes pagos en peaxes ao longo destes anos, desde 2013". Isto supón unha cantidade estimada entre os 1.090 aos 1.400 millóns de euros.

Comentarios