Feixoo rexeita pór data á súa marcha da Xunta e cre que Pontón debe dimitir

Acusa a oposición de estar "obsesionada" co seu "salto" a Madrid.
SESION CONTROL
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Luís Álvarez.

Que a desta cuarta feira era unha sesión especial de control ao presidente podíase intuír antes do inicio da mesma polo despreguamento de xornalistas no Parlamento —máis do habitual—, e nos primeiros momentos do debate polos aplausos e balbordo desde as bancadas populares, máis altos e constantes que de costume.

A pregunta clave da sesión era a que anunciara a portavoz do BNG, Ana Pontón. Até cando Alberto Núñez Feixoo ía seguir á fronte da Xunta. O presidente galego, porén, non deu resposta a unha interrogante que non só se fan desde a formación nacionalista: é compatíbel ir de campaña presidencial por todas as autonomías para liderar o PP español cos compromisos e dedicación que require ser presidente da Xunta?

Feixoo afirmou que "aquí hai un Goberno que traballa e unha oposición obsesionada", e ante o emprazamento de Ana Pontón a que dimitise "e non seguise a faltar ao respecto a galegos e galegas", indicou que quen debía deixar o cargo era a nacionalista. Primeiro, dixo, "por perder vostede as eleccións constantemente nestes 28 anos", se ben Pontón só concorreu dúas veces, 2016 e 2020, como candidata presidir a Xunta. Segundo, e elevando o nivel do ataque contra a portavoz do BNG, "por non ter un xesto ante a invasión de Ucraína". "Defenden postulados que favorecen a Putin e iso non é antepor os intereses da Galiza", chegou a acusar Feixoo aos nacionalistas.

"Indecencia"

"Como pode usar os miles de mortos, os millóns de refuxiados para atacar con mentiras o BNG! É unha indecencia política", respondeu Ana Pontón ás palabras do mandatario. "Vostede é pai e eu nai, e estes días vimos imaxes que parten o corazón, como pode usar esa dor?", preguntou.

A líder nacionalista desexou a Núñez Feixoo que "nunca teña que sufrir as mentiras e manipulacións que vostede emprega" contra os rivais políticos; engadindo que a "falta de ética" que estaba a mostrar facíano un "excelente" candidato para presidir o PP "da corrupción".

A portavoz do BNG situou o futuro de Feixoo en Madrid como unha secuencia lóxica após "levar 12 anos subordinando a Galiza aos intereses do PP", o que levou a alcumalo como "Feixoo, O Subordinado". Instouno, iso si, a dimitir como presidente da Xunta. 

"Non pode ser que a Galiza teña un presidente ausente coa que está a caer, crise, suba da luz...". "Entre mitin e mitin do PP, vostede cre que se pode gobernar a Galiza por teléfono móbil?", cuestionouno Pontón.

"Critícanme sempre"

Feixoo situouse como vítima e acusou as formacións nacionalista e a socialista de criticalo "constantemente" e de verter sobre el "infamias e descualificacións". Seguiu sen aclarar cando ía deixar a presidencia da Xunta mais afirmou que a Galiza "é como a miña nai e un nunca rexeita a súa nai", nunha comparación que xa ten empregado con anterioridade.

A Luís Álvarez, portavoz parlamentar do PSdeG, acusouno de ir á Cámara galega "facer política" estatal e díxolle que "os que estaban nese escano que ocupa vostede foron para Madrid e os dos escanos de aquí aínda estamos aquí".

"Feminismo sectario"

Luís Álvarez preguntou, por dúas veces, a Feixoo se era feminista. O presidente respondeu que era "militante" dun "feminismo da igualdade", non do "sectario". O portavoz do PSdeG botou en cara a Feixoo que na súa nova etapa a nivel estatal vaia ter como "compañeiro de viaxe" un partido "machista", en referencia a Vox. . O líder do PP galego non se inmutou e reprochou o socialista "empregar as mulleres para facer política".

Comentarios