Feixoo confirma que presentará a súa candidatura a dirixir o PP estatal

Alberto Núñez Feixoo presenta a súa candidatura á presidencia estatal do PP. (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo presenta a súa candidatura á presidencia estatal do PP. (Foto: Arxina)

Ás 18 horas, o presidente da Goberno galego e do Partido Popular na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou na Xunta Directiva dos populares galegos que presentará a súa candidatura para dirixir o PP estatal no Congreso extraordinario do Partido Popular que decorrerá os vindeiros 1 e 2 de abril. Nun discurso que comezou en castelán e no que introduciu de maneira testemuñal o galego, confirmou o que xa nos últimos días se daba por feito, e que el mesmo deixara caer esta mañá nun acto institucional.

Como en 2018, Feixoo rompeu a chorar mentres anunciaba se se presentaba ou non ao cargo de presidente do Partido Popular a nivel estatal. Porén, ao contrario que en 2018, o presidente do Goberno galego si deu o paso adiante que lle pedían a práctica totalidade dos dirixentes territoriais do PP, así como numerosos cargos do partido nas diferentes administracións locais e estatais.

Feixoo asegurou que durante 13 anos satisfaceu as súas "expectativas de ser o presidente da Galiza, porque á Galiza débollo todo". Tivo tamén palabras de lembranza para o seu predecesor á fronte do PP na Galiza, Manuel Fraga, do que asegurou tomar o testemuño coa presión de manter unido o partido "cando podía dividirse", e coa "ameaza" de que o Goberno bipartito "se mantivese na Xunta". 

O presidente da Xunta agradeceu aos asistentes ao multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, e no que decorreu a Xunta Directiva do Partido Popular galego, "todo o camiño" realizado xuntos, e pediulles perdón polo "espectáculo dos últimos días, no que o PP demostrou non estar á altura". 

Mala situación do PP

Feixoo analizou a actualidade da formación política, da que di que se atopa nun momento crítico. Tamén fixo unha valoración do seu paso pola política galega, desde a súa volta de Madrid até as catro maiorías absolutas á fronte do Goberno galego.

Tras isto, o presidente da Xunta pediu a "autorización" aos afiliados do Partido para presentar a súa candidatura á presidencia estatal do PP. "Hai situacións que nin se buscan nin se escollen, e hai que abordalas con determinación", manifestou o dirixente popular.

O xa candidato á presidencia estatal do PP afirmou que fronte a "política de trincheiras" que existe actualmente no Estado español, el "non insultará" o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, senón que ven a "gañarlle".

Non en tanto, Feixoo si cargou contra os socios que apoian o Goberno de coalición, dos que afirmou que "non cren no Estado español, que vive nunha situación límite".

Comentarios