Feixoo ve "compatíbel" presidir a Xunta e o PP e di que non prevé deixar a Galiza "nun mes"

"É unha decisión precipitada polos últimos días e semanas, mais tamén meditada durante os últimos anos. É unha combinación de meditación e precipitación, aínda que pareza contraditorio", di o presidente da Xunta.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, nun acto na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, nun acto na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, evitou esta cuarta feira confirmar formalmente a súa candidatura a presidir o Partido Popular, aínda que no partido non hai dúbidas a respecto de que dará o paso. De feito, el mesmo foi un paso máis aló e garantiu que, aínda que "os acontecementos das últimas semanas" precipitaron a súa decisión, non prevé deixar a Galiza "nun mes".

Feixoo expresábase así no acto de presentación do Plan Estratéxico 2022-2030, na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre (A Coruña). Malia que nun principio se mostrou remiso a falar sobre a actualidade do seu partido, sen facer declaracións á súa chegada ao acto e asegurando que "non se poden dar noticias que non se produciron", recoñeceu que a decisión mestura "meditación e precipitación", "aínda que pareza contraditorio".

"É unha decisión precipitada polos últimos días e semanas, mais tamén meditada durante os últimos anos. É unha combinación de meditación e precipitación, aínda que pareza contraditorio", explicou Feijóo, que destacou ademais que "nunca" pensou que "tería que tomar esa decisión".

Porén, os acontecementos das últimas semanas, dixo, obrígano a "tomar unha decisión que nin foi buscada nin foi ambicionada", a escasas horas de que se reúna a Xunta Directiva na que oficializará, ante a plana maior do PP galego, a súa decisión, após ser aclamado polas principais voces do seu partido.

Cuestionado pola compatibilidade do seu cargo como presidente do Executivo galego e da posíbel dirección do PP estatal, Feixoo aseverou que "é perfectamente compatíbel presidir a Xunta e un partido", e engadiu que é "perfectamente consciente" da súa responsabilidade coa Galiza.

"Non deixarei a Galiza nun mes"

Neste senso, Núñez Feixoo comentou que, como insistiu "en ocasións anteriores", non deixará a Galiza "nun mes", aludindo á presentación do Plan Estratéxico 2022-2030. O titular da Xunta remitiu, máis unha vez, ao Congreso extraordinario que decorrerá en abril, após o que volveu insistir en que fará ditar a súa conciencia e en responsabilidade coa Galiza.

Comentarios